dereita|miniatura|Representación de Xianglong zhaoi, un réptil que posiblemente posuía a capacidade de planear. Denomínase biota de Jehol aos organismos que habitaron os ecosistemas do nordés da China, na provincia de Liaoning e arredores, hai 131-120 millóns de anos (Cretáceo inferior), e cuxos fósiles se atopan nas formacións de Dabeigou, Yixian e Jiufotang (grupo Jehol). Recuperáronse restos fósiles de máis de 60 especies de plantas, máis de mil de invertebrados e unhas 70 especies de vertebrados. O estudo desta fauna é importante, xa que proporciona un material fósil moi interesante para tentar dilucidar aspectos sobre a evolución de distintos taxons (anfibios, aves, anxiospermas...), a orixe das plumas e do voo aviano, ou a coevolución de insectos polinizadores e as plantas con flores.

O ambiente de Jehol no Cretáceo caracterizábase pola presenza dunha grande actividade tectónica, un vulcanismo intenso con erupcións frecuentes, un aumento da temperatura e cambios na paleoxeografía da zona. Crese que este ambiente cambiante puido acelerar a selección natural, e con iso a especiación.

Idade do grupo Jehol miniatura|Situación xeográfica da provincia de Liaoning. Denomínase grupo Jehol ao conxunto composto polas formacións Dabeigou, Yixian e Jiufotang, de orixe lacustre. Durante un tempo considerouse que a formación Dabeigou era en realidade a parte basal da formación Yixian, e, de feito, só aflora nalgunhas zonas. Os sedimentos do grupo Jehol consisten en materiais siliciclásticos (con clastos de cuarzo) debilmente laminados, arenitos depositados baixo ambientes pouco enerxéticos (a velocidade da masa de auga que transporta aos sedimentos é baixa) e lutitas. Intercalados entre eses sedimentos atópanse niveis de tobas volcánicas e diques.

Estímase que a biota de Jehol habitou a Terra durante un período de tempo de once millóns de anos, desde o Hauteriviense até o Aptiense (131-120 millóns de anos). Nos primeiros traballos publicados considerábase que esta fauna pertencía ao Xurásico, xa que o límite entre este período e o Cretáceo calculábase que tiña unha idade de 135 millóns de anos. Esa data axustouse, fixando a Comisión Internacional de Estratigrafía unha idade para o final do Xurásico de 145,5 millóns de anos.

Para realizar as datacións do grupo Jehol estudáronse niveis de tobas volcánicas intercaladas. As formacións son das seguintes idades:

Formación Dabeigou: realizáronse datacións radiométricas das tobas polo método do 40Ar/39Ar, dando como resultado unha idade de 130,7 ± 1,4 millóns de anos. O método do SHRIMP U-Pb deu un resultado de 133,9 ± 2,5 e 130,1 ± 2,5 millóns de anos. Formación Yixian: o método do 40Ar/39Ar deu idades de 125,0 ± 0,2 e 123,54 ± 1,53 millóns de anos; mediante SHRIMP U-Pb as idades foron de 124,7 ± 1,53, 124,9 ± 1,7 e 122,8 ± 1,6 millóns de anos. Usando o método LA-ICPMS U-Pb a idade obtida é de 125-122 millóns de anos. Formación Jiufotang: as datacións con 40Ar/39Ar e SHRIMP U-Pb deron como resultado unha idade de 120,3 ± 0,7 millóns de anos.

Taxons miniatura|Representación dun exemplar de Archaeamphora longicervia, cuxos restos fósiles se acharon na Formación Yixian. miniatura|Fósiles de peixes do xénero Lycoptera. miniatura|Fósil de Monjurosuchus splendens achado na provincia de Liaoning. miniatura|Fósil de Dalinghesaurus longidigitus. miniatura|Recreación do pterosauro Nurhachius. miniatura|Recreación do pterosauro Ningchengopterus. miniatura|Molde dun fósil do dromeosauro Microraptor gui. miniatura|Fósil de Sinosauropteryx. miniatura|Fósil de Jinzhousaurus exposto no Museo da Ciencia de Hong Kong. miniatura|Fósil de Jeholornis. miniatura|Recreación de Longipteryx (Enantiornithes). miniatura|Cranio de Repenomamus giganticus. miniatura|Recreación de Gobiconodon. Os xacementos do grupo Jehol son un lagerstätte no que se conservan unha gran cantidade de restos fósiles, tanto de tecidos duros como os ósos, como de tecidos brandos como as flores, dunha gran variedade de organismos, entre os que se inclúen dinosauros, aves, mamíferos, anxiospermas, insectos, pterosauros, lagartos, anfibios, tartarugas, réptiles acuáticos, etc.

Flora A flora de Jehol inclúe restos fósiles de anxiospermas primitivas, aínda que seguen dominando as ximnospermas. A cuberta herbácea estaba formada por colas de cabalo, fentos e licopodios; os bosques estaban constituídos por árbores como os ginkgos, Cycadales, coníferas e fentos con sementes. Na formación Yixian acháronse os restos fósiles da anxiosperma máis antiga que se coñece, Archaefructus (familia Archaefructaceae). Sobre este xénero acuático existe un debate acerca de se se trata dun taxon primitivo precursor das anxiospermas, ou se, en realidade é unha anxiosperma especializada para a vida na auga.

Na mesma formación atopáronse os restos da planta carnívora máis antiga do rexistro fósil, Archaeamphora longicervia. Alcanzaba unha altura de 5 centímetros e as follas dispúñanse en espiral ao redor do talo. Tamén se atoparon as súas sementes, cubertas con gránulos e con presenza dunha á lateral. Outro xénero representativo da flora de Jehol é Sinocarpus. Esta anxiosperma é considerada unha eudicotiledónea ancestral caracterizada por posuír trazos derivados, como un xineceo sincárpico (cos carpelos soldados entre si).

Invertebrados Conserváronse exemplares fósiles de insectos, atopándose máis de 100 especies que habitaban en augas, chans, matogueiras, bosques, pantanos, etc. Aparecen exemplares das ordes Hymenoptera, Diptera, Coleoptera, Odonata, Blattodea e Orthoptera, sendo os insectos a clase máis exitosa da biota de Jehol. En canto á clase Arachnida, non foron seres nin moi abundantes nin moi diversos, con representantes da familia Araneidae que habitaban as zonas boscosas. Tamén se atopan restos de diplostráceos. Acháronse trece especies de bivalvos de auga doce, pertencentes a sete xéneros e tamén se atoparon distintas asociacións de gasterópodos, que se relacionan con distintos hábitats.

Anfibios O descubrimento do primeiro anuro do mesozoico foi Liaobatrachus grabaui na formación Yixian, un organismo adaptado a ambientes terrestres e de auga doce superficiais. A especie Callobatrachus sanyanensis pertence á familia Discoglossidae, sendo o holotipo o segundo exemplar articulado do mesozoico pertencente a esta familia que se atopa no mundo. As análises filoxenéticas a partir de caracteres primitivos e derivados conclúen que Callobatrachus é o membro máis basal de Discoglossidae. En canto ás salamántigas, están representadas por máis de 500 exemplares, incluíndo larvas e exemplares adultos. A morfoloxía é bastante primitiva, o que podería implicar unha orixe asiática das salamántigas modernas, evolucionando a partir dun patrón corporal que permaneceu estable durante 150 millóns de anos.

Peixes Os vertebrados máis comúns nos lagos de Jehol eran os peixes. O peixe máis abundante é un teleósteo ancestral, Lycoptera (superorde Osteoglossomorpha). Mesomyzon mengae é o terceiro fósil de lamprea que se atopou no mundo (os outros dous atopáronse en sedimentos mariños do carbonífero de Estados Unidos). Esta especie presenta poucas diferenzas anatómicas coas lampreas actuais, o que fai pensar que a evolución deste taxon foi moi lenta.

Aínda que máis pequenos que os seus representantes actuais, os maiores tamaños alcanzábanos os Acipenseriformes, chegando a medir até un metro de lonxitude. Tamén aparecen exemplares da orde Amiiformes.

Réptiles acuáticos Os réptiles acuáticos presentes en Jehol eran diápsidos pertencentes á orde Choristodera. Nel inclúese Monjurosuchus, que foi o primeiro tetrápodo que se describiu na formación Yixian, nos anos 40. O holotipo de Monjurosuchus splendens perdeuse durante a segunda guerra mundial, polo que a súa asignación á orde Choristodera realizouse a partir do neotipo. Atopáronse sete cranios de exemplares xuvenís na cavidade abdominal dun exemplar adulto, considerándose a evidencia de canibalismo entre vertebrados máis antiga do rexistro fósil. Moitos exemplares ao fosilizar conservaron as impresións das membranas nas patas traseiras, confirmando os seus hábitos acuáticos.

Hyphalosaurus era un réptil de pescozo longo, atopándose a especie Hyphalosaurus lingyuanensis na parte baixa da formación Yixian, e Hyphalosaurus baitaigouensis na formación Jiufotang. Acháronse restos fósiles dos seus ovos, un deles asociados ao fósil dunha cría duns 6,5 centímetros, e outros con embrións no seu interior. Os niños cos ovos estaban situados próximos ás beiras. No ano 2006 descubriuse un resto dun embrión ou neonato con dous pescozos e dúas cabezas que se bifurcaban á altura da cintura escapular, tratándose do primeiro caso de policefalia documentada en restos fósiles.

O animal máis grande dos lagos de Jehol era Ikechosaurus. Este réptil alcanzaba unha lonxitude de tres metros, posuía un fociño alargado, e o cranio era moi parecido ao dos crocodilos, ocupando probablemente un nicho ecolóxico similar. Atópanse tres especies na biota de Jehol. En canto aos quelonios, son pouco diversos, pero bastante abundantes, aparecendo restos pertencentes ao xénero Manchurochelys.

Lagartos Acháronse restos de tres xéneros de lagartos, Dalinghosaurus, Xianglong e Yabeinosaurus. Os exemplares de Dalinghosaurus asígnanse á suborde Scleroglossa, tratándose de réptiles cun modo de vida corredor, podendo chegar a adquirir unha locomoción bípede. Isto dedúcese ao comparalos con lagartos actuais con características anatómicas semellantes, como a diferenza de tamaño entre as extremidades anteriores e posteriores, sendo estas moito maiores.

Xianglong é un lagarto da suborde Iguania, que presenta oito costelas alargadas que soportan un pataxio. Isto parece indicar que este lagarto se desprazaba planeando. Tamén posuía garras curvas, o que podería indicar un modo de vida arborícola. O holotipo estudado ten unha lonxitude de 155 milímetros, e parece tratarse dun exemplar xuvenil, ao ter os tarsais pouco osificados, e os carpais sen osificar.

Yabeinosaurus interpretouse como un taxon relicto sobrevivente das faunas de lagartos do Xurásico. Pertence á familia Ardeosauridae.

Pterosauros A diversidade dos pterosauros pertencentes á biota de Jehol é comparable ás doutros xacementos famosos, como a Formación Santana (Cretáceo superior, Brasil) ou as calcarias de Solnhofen (Xurásico superior, Alemaña). Describíronse varios xéneros de pterosauros na provincia de Liaoning. Todos eles pertencen á suborde Pterodactyloidea, fóra de Dendrorhynchoides e Jeholopterus, que se inclúen dentro de Rhamphorhynchoidea. Dendrorhynchoides tiña unha lonxitude duns 11 centímetros, e unha envergadura de 40. Posuía cola longa, dentes recurvados e vértebras cervicais curtas e grosas. Jeholopterus ningchengensis probablemente alimentábase de insectos, e describiuse a partir dun exemplar fósil que conservou impresións de tecido. Ademais este organismo estaba recuberto por filamentos parecidos aos pelos.