Miriam Peretz (: פרץ‎) nada o 10 de abril de 1954 en Casablanca (Marrocos) é unha educadora e oradora israelí. Tras as mortes en servizo de dous dos seus fillos nas Forzas de Defensa de Israel, Peretz comezou a dar conferencias sobre o Sionismo e a dó. Foi galardoada co Premio de Israel en 2018 e en 2021 presentouse ao cargo de presidenta do Estado de Israel.

Orixe e mocidade Filla de Yaakov Ohayon e Ito Vaknin, xudeus, naceu en Casablanca en 1954. En 1963, a familia deixou Marrocos e emigrou a Israel (aliyah). Ao chegar en Israel, instaláronse en Bersebá. Licenciouse en Literatura e Historia pola Universidade Ben-Gurion do Negev, e a mediados da década de 1970 casou con Eliezer Peretz. O matrimonio mudouse a Ofira, un asentamento israelí na península do Sinaí, onde o seu home era inspector de Sanidade. Ela comezou a traballar como profesora e foi nai de dous fillos: Uriel e Eliraz.

Logo do tratado de paz entre Israel e Exipto, o Sinaí reintegrouse a Exipto en 1982, e o asentamento en que residía foi desmantelado. A familia Peretz trasladouse a Cisxordania, primeiro ao asentamento de Giv'en HaHadasha, e máis tarde a Giv'en Ze'ev. Alí Miriam Peretz tivo catro fillos máis: Hadas, Avichai, Elisaf, e Bat-El. Ademais, Peretz foi a directora do instituto do asentamento de Giv'en Ze'ev.

En 1998, o fillo máis vello, Uriel morreu vítima dunha emboscada no sur do Líbano. Pouco despois, Eliezer, o seu home, enfermou de gravidade e faleceu. En 2010, o segundo fillo, Eliraz Peretz, falecía durante unha batalla na Franxa de Gaza.

Vida pública Logo das mortes dos seus dous fillos máis vellos en acto de servizo coas Forzas de Defensa de Israel, e mais da do seu home, Peretz comezou a dar conferencias públicas sobre sionismo e a perda de seres queridos, principalmente a da mocidade e dos soldados de Israel. Gañou sona por estas actividades e en 2011, publicou o libro Shirat Miriam, unha crónica da súa vida. En 2016, foi nomeada doutora honoris causa pola Universidade de Barra-Ilan. En 2018, Peretz recibiu o Premio de Israel, considerado como a maior distinción cultural de Israel.

Carreira política En maio de 2021, Peretz, anunciou que se presentaría para presidenta de Israel nas eleccións de xuño de 2021 pois contaba co apoio dos 10 membros da Knesset necesarios para poder validar a súa candidatura. O seu rival para o cargo foi o político laborista Isaac Herzog, quen finalmente conseguiría un amplo respaldo na Knesset: 87 votos fronte os 27 de Peretz. Segundo destacaron algunhas análises xornalísticas o feito de ser Peretz residente nun asentamento en Cisxordania marcáballe un perfil politicamente marcado para un cargo neutral. Tamén se interpretou a escolla como unha representación da pugna entre dous dos grupos da sociedade israelí: dunha parte, Herzog, representante dunha elite de orixe asquenasita que dominou a política do Estado de Israel dende a súa fundación, máis aliñada cun pensamento liberal ou progresista; fronte Peretz, inmigrante mizrahí (denominación para os xudeus procedentes do norte de África) que encarnaba aos grupos sociais e étnicos máis aliñados co pensamento conservador e relixioso.

Vida privada Reside en Giv'en Ze'ev e traballa como supervisora da dirección de Sociedade e Mocidade no Ministerio de Educación de Israel.

Notas

Categoría:Nados en 1954 Categoría:Personalidades do xudaísmo de Israel Categoría:Nados en Casablanca