Malvares de Moscoso ou Malvares, nado en Moscoxo en 1982, é un poeta e músico galego de hip hop e spoken word, membro da banda Rebeliom do Inframundo.

Traxectoria A música e a poesía véñenlle de familia polo seu tataravó "O Cachorro" e a súa avóa María do Malvares que escribían e recitaban en eventos relixiosos e festivos de Moscoxo e arredores. A súa avóa Carola da Carvalheira formou parte do grupo de pandeireteiras As Anduriñas de Pazos de Borbén.

Estudou no IES Sánchez Cantón e comezou na música coa creación de Os Trasnos de Moscoso, un dos primeiros grupos de rap que apostaron por expresarse exclusivamente en lingua galega. En 2011 entrou no colectivo vigués Track Asedio, onde se xuntou con Seila Esencia, Duke Sam, Pow, Dikeyti, Mow.

En 2012 comezou o seu contacto co spoken word e a poesía ao actuar na primeira edición do Poetry Slam Vigo.

En 2014 participa na compilación da editora lusófona Língua Nativa con dous singles que mesturan o spoken word e a electrónica.

En 2017 inclúen un dos seus poemas en Latexo Beat (Galaxia), unha antoloxía de poetas galegos e estadounidenses.

2017 encárgase da parte musical, xunto a Servando Barreiro, Miguel Alonso e Maese Pedrido, do disco-libro Mel. Unha mosca agradecida (Nova Galicia Edicións) da ilustradora Luz Beloso e o poeta (primo de Malvares) Miguel A. Alonso Diz.

Como poeta participou en festivais como o Festival Kerouac (Nova York, Cidade de México, Madrid e Vigo), Festival de Poesía no Condado (Salvaterra), Vociferio (Valencia), Culturgal (Pontevedra), BioRitme (Barcelona), Alguén que respira! (Santiago de Compostela).

Forma parte de Rebeliom do Inframundo desde o segundo disco da banda e ten percorrido con ela festivais e salas de toda a península.

Malvares aposta a nivel lingüístico polo reintegracionismo e polo uso da variante dialectal que se fala na súa parroquia, Moscoxo. Destaca visualmente polo caxato que emprega sempre nas súas actuacións, que foi realizado polo artista afro-galego Carlos Ndungmandum para o seu single "N.O./Trens cara ao Sul".

Discografía

Os Trasnos de Moscoso, maquetas

Denominación de Orixe: Rap do País (2006) Casa da Joaquina (2011)

Lingua Nativa, singles

A Orquestra Filarmónica de Osaka Remixes (2016). Homenaxe a Ricardo Carvalho Calero. Interpreta versos do poeta ferrolán xunto ao artista afro-galego A Foice. As producións son dos galegos J.CNNR, Alexandre Villalba e os chilenos Lluvia Ácida. N.O./Trens cara ao Sul (2016). Producións de J.CNNR e poemas do tamén ferrolán Mario Regueira.

Con Rebeliom do Inframundo

Lume e Rebeliom (2016). Ilegal (2019).

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Malvares de Moscoso en Twitter Malvares de Moscoso en Facebook

Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Nados en 1982 Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Rapeiros de Galicia Categoría:Cantantes en lingua galega