Antón Seoane-Pampín Montenegro, nado en Ferrol en 1949, é un músico, musicólogo e psiquiatra galego. Foi un dos membros fundadores do grupo musical Milladoiro.
Traxectoria Naceu nunha familia de tradición musical, comezou a interesarse pola música desde neno, estudando piano e guitarra. O seu avó Antonio Seoane foi director desde o 1900 até o 1920 da agrupación musical Airiños da Miña Terra, xerme do coro galego Toxos e Froles de Ferrol.
Licenciouse en medicina na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1972, obtendo a especialidade de psiquiatría no 1980. Rematada a universidade foi un dos iniciadores do Movemento popular da canción galega, xurdido logo da disolución do colectivo Voces Ceibes. Neste período naceu o seu compromiso na recuperación da case desaparecida zanfona xunto ao artesán Guillermo Álvarez "O Crego" e colaborou en múltiples proxectos musicais.
No 1977 participou na gravación do disco Fonte do Araño de Emilio Cao, no 1978 gravou xunto a Rodrigo Romaní o premiado disco Milladoiro, no 1979 participou no disco In memorian do cuarteto tradicional Faíscas do Xiabre. Con tres dos seus compoñentes deste grupo, Xosé Ferreirós, Nando Casal e Moncho García, e con Rodrigo Romaní constituíu no 1979 o grupo musical Milladoiro.
Formou parte de Milladoiro até o ano 2013, chegando a gravar vinte e cinco discos. Durante este tempo mantivo unha actividade artística paralela que o levou a co-producir xunto a Nando Casal o segundo disco das pandeireteiras Leilía: I é verdade, i é mentira, a colaborar no disco Escarnio de Antón Reixa e na banda sonora da película O lapis de carpinteiro, para a que creou o tema "Foi coma un soño".
Alén destas colaboracións publicou no ano 2000 a biografía Faustino Santalices. Investigador, gaiteiro e zanfonista, no 2004 o disco infantil Lambón. Cancións para os croques, no 2008 o libro CD-DVD A volta dos nove, homenaxe a nove asasinados en Baiona o 16 de outubro do 1936 durante a represión tras do golpe de Estado fascista, e no 2013 o libro-disco De Voces Ceibes a Milladoiro.
Exerceu a psiquiatría no Servizo Galego de Saúde, onde foi xefe de sección, até a súa xubilación no ano 2014. Na actualidade traballa na vila de Nigrán nunha consulta propia.
Libros Faustino Santalices. Investigador, gaiteiro e zanfonista (2000). Vigo: Ir Indo, Galegos na Historia. 64 páxs. ISBN 978-8476803301. De Voces Ceibes a Milladoiro. Unha memoria do movimento popular da canción galega 1973-1978 (2014). Vigo: Galaxia. 120 páxs. ISBN 978-84-9865-494-3. Avelino Cabezas e os seus irmáns. Un relato de Narón (2023). Vigo: Galaxia. 322 páxs. ISBN 978-84-1176-164-2. Cando chegou a noite. A finitude do ser e a morte digna (2026). Santiago: Laiovento. 98 páxs. ISBN 978-84-8487-773-8.
Libros colectivos A volta dos nove (2008). Instituto de Estudos Miñoráns. Encargouse da parte musical. É unha homenaxe a nove veciños do Val Miñor asasinados en outubro de 1936.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Milladoiro
Categoría:Nados en 1949 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Zanfonistas Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Personalidades da música e o baile tradicional de Galicia Categoría:Psiquiatras de Galicia