William Rubén Martínez Carreras, nado en Pueblo Victoria, Montevideo, o 13 de xaneiro de 1928 e finado o 28 de decembro de 1997, foi un futbolista uruguaio. Xogaba como defensa e consagrouse no Club Atlético Peñarol. É o único futbolista uruguaio en ser campión do mundo coa súa selección nacional (1950) e co seu club (1961).

Traxectoria Comezou xogando ao fútbol no Sportivo Alba de Victoria e en 1942 entrou no equipo xuvenil do Nacional. Debutou co primeiro equipo en 1943 e catro anos despois fichou polo Racing Club de Montevideo. En 1948 marchou ao Rampla Juniors, onde militou durante sete tempadas antes de asinar co Peñarol.

Foi no Peñarol onde logrou os seus maiores éxitos, capitaneando o equipo na conquista de cinco campionatos de Primeira División consecutivos (1958–1962), dúas Copas Libertadores (1960, 1961) e unha Copa Intercontinental (1961), derrotando nesta última ao Benfica de Eusébio.

En 1963 regresou ao Rampla Juniors, onde xogou catro tempadas máis. A continuación pasou Atlético Junior, de novo Rampla Juniors, Fénix e Central Español, onde rematou a súa carreira en 1970 aos 42 anos. Nos dous últimos equipos actuou como xogador-adestrador.

Selección nacional Foi internacional coa selección uruguaia en 54 ocasións, marcando 2 goles entre 1950 e 1965. Debutou en abril de 1950 contra Chile e formou parte da selección que conquistou o Mundial de 1950 contra o Brasil no Maracanazo, aínda que non disputou ningún dos partidos naquel torneo. No Mundial de 1954, foi un dos tres defensas titulares, xunto a Santamaría e Víctor Rodríguez Varela. Pasaron como primeiros de grupo e eliminaron en cuartos de final a Inglaterra, pero perderon nas semifinais contra Hungría, ao encaixar na prórroga dous goles de Sándor Kocsis. Acodiu a un terceiro Mundial, en 1962 en Chile, pero como suplente.

Disputou ademais catro edicións da Copa América, proclamándose campión en 1956. Xogou o seu derradeiro partido coa selección en 1965, contra Venezuela en Caracas, sendo nese momento o segundo xogador uruguaio da historia con máis internacionalidades (54), só por detrás de Ángel Romano.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Ficha en footballdatabase.eu . Ficha en national-football-teams.com .

Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Nados en 1928 Categoría:Finados en 1997 Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Club Nacional de Football Categoría:Xogadores do Racing Club de Montevideo Categoría:Xogadores do Rampla Juniors FC Categoría:Xogadores do CA Peñarol Categoría:Xogadores do CA Fénix Categoría:Xogadores do Central Español FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Uruguai Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1950 Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962 Categoría:Adestradores de fútbol do Uruguai Categoría:Futbolistas gañadores do Mundial