Tarcila Rivera Zea é unha activista indíxena quechua do Perú. Pola súa acción na defensa dos dereitos dos pobos e as mulleres indíxenas foi recoñecida co Premio Visionario outorgado pola Fundación Ford no ano 2011.
Traxectoria Tarcila Rivera Zea naceu na comunidade de San Francisco de Pujas, Ayacucho, capital da provincia de Huamanga, no Perú. Dende nena tivo que exercer como empregada do fogar co fin de recibir educación, aprendendo castelán á idade de 18 anos, sendo a súa lingua materna o quechua. Á súa chegada á capital con tan só dez anos, foi vítima de toda clase de discriminación pola súa condición de muller andina.
Durante a década dos 70, exerceu como secretaria especializada en archivística e biblioteconomía no Ministerio de Cultura do Perú, estudando no Vaticano e na Arxentina. Anos máis adiante colaboraría como xornalista para a revista "Pueblo Indio" do Consello Indio de Suramérica (CISA).
Como recoñecemento do seu traballo na recompilación de testemuños de mulleres indíxenas violadas durante os conflitos armados, foi convidada a seguir cursos de especialización en dereitos humanos no Instituto de Estudos Sociais (ISS) da Haia, nos Países Baixos, e o Centro Internacional de Educación en Dereitos Humanos en Charlottetown, no Canadá.
En 1987, comeza a participar en procesos internacionais sobre os dereitos dos pobos indíxenas, así como en conferencias das Nacións Unidas sobre a Muller, o cal a levou a que ONU Mulleres a convidase en 2012 a formar parte do seu Grupo Asesor Internacional sobre a Sociedade Civil.
Rivera Zea é fundadora do Enlace Continental de Mulleres Indíxenas das Américas (ECMIA) e do Foro Internacional de Mulleres Indíxenas (FIMI), senllas redes que impulsan o apoderamento e a implicación política das mulleres indíxenas do mundo.
Ademais, todos os seus anos de activismo, defendendo e visibilizando as culturas e os pobos indíxenas do Perú, tiveron o seu froito na creación do Obradoiro Permanente de Mulleres Indíxenas Andinas e Amazónicas do Perú e do Centro de Culturas Indíxenas do Perú (CHIRAPAQ).
Exerceu como secretaria de Martha Hildebrandt no Instituto Nacional de Cultura do Perú, experiencia que foi determinante na formación da mesma.
Notas
Categoría:Activistas do Perú Categoría:Feministas do Perú Categoría:Mulleres líderes indíxenas Categoría:Activistas dos dereitos indíxenas Categoría:Peruanos de ascendencia quechua