Carlos Velo Cobelas, nado nos Pereiros (Cartelle) o 15 de novembro de 1909 e morto en México, onde viviu exiliado, o 1 de marzo de 1988, foi un cineasta galego e figura clave do cinema mexicano.
Traxectoria miniatura|Casa familiar na parroquia de Cobelas, Cartelle. Primeiros anos Naceu nunha pequena aldea, onde o seu pai, José Velo Castro (1880-1973), exercía de médico. De rapaz, trasladouse á cidade de Ourense a estudar o bacharelato e despois Maxisterio. Nesta época coñeceu a Vicente Risco e da súa man embebeuse de galeguismo. Agromou tamén nestes anos a súa dobre vocación pola bioloxía e polo cinema.
Universidade Por decisión familiar trasladouse a Madrid para realizar a carreira de medicina, pero Velo decantouse pola bioloxía.
Acadou a licenciatura en 1932 e iniciouse na investigación baixo a dirección de Cándido Bolívar Pieltain, quen tamén terminou os seus días exiliado en México. Impartiu na Universidade Central de Madrid as materias de entomoloxía e ciencias naturais. Curiosamente, dende a súa especialización como biólogo entrou en contacto co mundo profesional do cine, pois foi Velo o encargado de subministrarlle a Luis Buñuel as formigas vermellas que precisaba na filmación de Un chien andalou.
Velo coñeceu a través das sesións de cinema da Residencia de Estudiantes a obra de Robert Flaherty, Eisenstein, Pudovkin, Vertov e Alexandre Dovxenko. Entusiasmado cos seus descubrimentos fundou en 1933, e dirixiu, o cineclub da FUE. De aí viña o seu coñecemento persoal de Federico García Lorca. A repetida visión e estudo d' O acoirazado Potemkin marcou para sempre a súa vocación polo cine, adentrándose na técnica cinematográfica da man de Fernando Gutiérrez Mantilla. Experimentou coa fotografía utilizando unha pequena cámara Leica. Froito da colaboración co Mantilla foi a estrea en Madrid o 27 de marzo de 1934 de La ciudad y el campo. Tamén en 1934 realizou o documental, Almadrabas, ao que ía seguir Infinitos en 1935 con música de Rodolfo Halfter. Realizou Felipe II y el Escorial e axiña, durante unhas vacacións na terra, Galicia. Cando este último documental se exhibiu na Exposición Internacional de París recibiu o primeiro premio e mais o diploma dun xurado que presidía Buñuel. Até o ano 2010 conservábanse só 8 minutos da cinta, pero nese ano unha copia de 20 minutos foi atopada en Moscova polo profesor Vladimir Magidov."Galicia, la histórica película de Carlos Velo, hallada en Moscú tras 70 años perdida", artigo de Daniel Salgado en El País, 16 de decembro de 2010 .
Guerra civil Ao inicio da guerra civil atopábase en Segovia preparando as oposicións á cátedra de Ciencias Naturais. Marchou para Cartelle pensando en fuxir coa súa muller Marylin Santullano a Portugal; desistiu do plan e rematou en Marrocos filmando, por espazo de seis meses, Yerbala.
En febreiro do 39 cun salvoconduto do exército republicano pasou a Francia como refuxiado, para o campo de concentración de Saint Cyprien-Josafat.
Xunto coa muller, grazas aos irmáns Fernando e Susana Gamboa, embarcou rumbo a México no vapor Flandre. Na capital mexicana, reuniuse na casa do pintor David Alfaro Siqueiros canda outros intelectuais españois. Deu clases de Bioloxía Xeral no Instituto Politécnico Nacional, recentemente inaugurado polo presidente Lázaro Cárdenas e nacionalizouse mexicano.
No número 6 da revista España Peregrina, de xullo de 1940, publicou Galicia, paisaje de sangre. Realizou varias colaboracións sobre temas de cinema para a revista Romance. En 1942 colaborou na fundación da revista Saudade, xunto a Florencio Delgado Gurriarán, Xosé Caridad Mateo e Ramiro Isla Couto. Foi membro da Unión de Profesores Universitarios Españoles que dirixía en México dende 1943 o científico Ignacio Bolívar y Urrutia (da que tamén eran membros os galegos Bibiano Fernández Osorio-Tafall e Lois Tobío Fernández). Proseguiu coa docencia en distintos centros ata que en 1944 decidiu abandonar o traballo afectado dunha forte depresión que lle causou a súbita morte da muller.
Recuperou azos mergullándose no cinema. Ocupouse dende 1946 ata 1953 da dirección do Noticiero Mexicano EMA e realizou os documentais México eterno, México incógnito e Historia de México. Coñeceu en 1952 o produtor iucateco Manuel Barbachano Ponce co que realizou a curtametraxe Tele-revista. Cando ao ano seguinte os irmáns Barbachano fundaron Teleproducciones, Velo pasou a ocupar o cargo de director técnico. Desenvolveu para Barbachano o proxecto Cine Verdad e puxeron en marcha o proxecto Raíces da autoría de Velo, pero que por problemas sindicais asinou Benito Alazraki. Con Raíces obtivo o Premio da Crítica no Festival Internacional de Cannes en 1955. Para Fernando Gamboa realizou un gran documental sobre a pintura mural mexicana (Pintura mural mexicana. Retrato de un pintor, sobre Diego Rivera e Arte público, dedicado a David A. Siqueiros).
Actividades no exilio Participou en diversas actividades alentadas polos exiliados. Foi, en 1949, un dos socios fundadores do Ateneo Español de México, ao igual que outros galegos como José Almoina, Caridad Mateo, Manuel Porteiro Viñas e Arturo Souto. Identificado coa causa galeguista, foi un dos fundadores en 1953 do Padroado da Cultura Galega (no cal se sumou á liña máis radical representada por Luís Soto) e, en 1958 alentou, sendo presidente do Padroado, a aparición da revista Vieiros que integraba tamén a Florencio Delgado Gurriarán, Luís Soto e Elixio Rodríguez. Antes, en 1956 enviara ao Primeiro Congreso da Emigración de Buenos Aires a súa proposta para a creación dun Centro Cinematográfico Galego. Realizou tamén un documental sobre a pintura do seu amigo Arturo Souto. É de salientar que o primeiro número de Vieiros codirixido por Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán e Luís Soto saíu en 1959. Un segundo número, codirixido polos mesmos, saíu en 1962. No terceiro, de 1965, Florencio Delgado foi substituído por Xosé Caridad Mateo. O último número de Vieiros saíu na primavera de 1968.
En 1956 dirixiupara a produtora de Barbachano a súa primeira longametraxe, Torero, trasunto cinematográfico da biografía de Luís Procuna, coa que recibiu unha Mención do Xurado na 17 edición da Mostra de Venecia e unha preselección na categoría Mellor Documental para o premio ÓscarDatos procedentes da base de datos (The Official Academy Awards® Database ) da páxina oficial dos premios Óscar (edición 30 de 1957): Albert Schweitzer, Jerome Hill, produtor (gañador); On the Bowery, Lionel Rogosin, produtor; Torero!, Manuel Barbachano Ponce, produtor. de 1957. Dende o seu posto en Teleproducciones colaborou de maneira decisiva en Nazarín (1958) de Buñuel e en Sonatas (1959) de Juan Antonio Bardem. A petición de Alfredo Guevara participou na creación do Instituto Cubano de Arte e Industria Cinematográfica (ICAIC). En 1960, tamén con Barbachano, asumiu o desafío de levar ao cine Pedro Páramo, a novela do seu amigo Juan Rulfo. Carlos Fuentes colaborou no guión, axudándolle a recrear a atmosfera do universo rulfiano. O mesmo Rulfo colaborou na localización de paisaxes nos estados de México e Hidalgo. A película estreouse en 1966 sen que Velo se considerase satisfeito do resultado a pesar de que a crítica loou o coidado técnico e a fotografía en branco e negro. A polémica que arrodeou a presentación do filme levouno a un cine máis comercial. En 1967 a película presentouse ao Festival de Cannes.
Para a produtora da súa segunda muller, Angélica Ortiz, realizou Don Juan 67, Cinco de chocolate y uno de fresa, Alguien nos quiere matar e El medio pelo. En 1971 dirixiu o Centro de Producción de Cortometraje dende o que impulsou unha fonda renovación do cine mexicano. En 1975 pasou a dirixir o Centro de Capacitación Cinematográfica, aceptándose a súa proposta de nomear a Buñuel Presidente honorario do mesmo. Seguiu a realizar documentais como Universidad comprometida, no cal incluíu o discurso de Salvador Allende aos estudantes da Universidade de Guadalaxara en decembro de 1972; esta curtametraxe foi premiada en 1976 co Colón de Oro do Público no II Festival de Cine Iberoamericano de Huelva. Filmou tamén Homenaje a León Felipe e Cartas de Japón.
Persoal Casou con María Luisa Santullano "Marilyn", coa que tivo dous fillos, Teresa e Luis. Marilyn faleceu nos anos 40 e Carlos Velo volveu casar en 1966 con Angélica Ortiz, e posteriormente unha terceira vez con Carol de Swan.
Filmografía (incompleta) Curtametraxes documentais La ciudad y el campo (1934), B/N, 9 min. 31 s., director e guionista Almadrabas (1934), B/N, 21 min., codirector e guionista En un lugar de Castilla (1934), director e guionista Felipe II y El Escorial (1935), B/N, 17 min. 20 s., codirector e guionista Infinitos (1935), B/N, codirector e guionista Castillos en Castilla (1935), B/N, codirector e guionista Galicia y Compostela (1935), codirector e guionista Tarraco Augusta (1935), codirector e guionista Saudade (1936), codirector e guionista Yebala (1937), director Galicia (1937), director Terra do chicle (Tierra de chicle), (1952), 14 min. V.O. subtitulada en galego, director Los que sí y los que no (1972), director, produtor e guionista El rumbo que hemos elegido (1972), director, produtor e guionista Cartas a Japón (1973), director, produtor e guionista A la mitad del camino (1973), director, produtor e guionista Baja California: Último paraíso (1973), director, produtor e guionista Baja California: Paralelo 28 (1973), director, produtor e guionista (Carlos Velo foi candidato a XVI Premio Ariel na categoría Mellor Curtametraxe Documental por este filme) Forum de Roma (1974), director, produtor e guionista Homenaje a León Felipe (1974), 13 min., director Laberinto (1975), director, produtor e guionista El pueblo maya (1983), director, produtor e guionista
Longametraxes documentais Romancero marroquí (Der Stern von Tetuan) (1939), codirector Torero! (1956), B/N, 80 min., director e guionista (Mención do Xurado na 17 edición da Mostra de Venecia (1956); candidata ao Mellor Documental no premio Óscar (edición 30 de 1957); escollida como un dos Mellores Filmes Estranxeiros (Top Foreign Films) polo National Board of Review of Motion Pictures en 1957 canda Ordet, Gervaise, The Red Baloon e A Man Escaped)
Longametraxes de ficción Entre hermanos (1944), coguionista (Carlos Velo, xunto con Emilio Fernández e Mauricio Magdaleno, foi candidato a I Premio Ariel na categoría Mellor Guión Adaptado por este filme) Raíces (1953), B/N, 103 min., guionista Chistelandia (1958), codirector Nueva Chistelandia (1958), codirector ¡Vuelve Chistelandia! (1958), codirector Nazarín (1958), B/N, 93 min., conselleiro de produción Sonatas (Aventuras del marqués de Bradomín) (1959), produtor Don Juan 67 (1966), director e guionista Pedro Páramo (1969), director Secreto eterno (1966) Cinco de chocolate y uno de fresa (1967) director e guionista El medio pelo (1970) director e guionista Alguien nos quiere matar (1977) director e guionista
Literatura Relatos Memoria erótica. 1998. Colección O fardel da memoria, 6. Edicións A Nosa Terra. Promocións Culturais Galegas, S.A., 104 páxinas, limiar de Miguel Anxo Fernández, ISBN 84-89976-53-8.Algunhas das ilustracións do libro: Hedy Lamarr, 1933, Bessie Love, 1921, Edwina Booth, 1930 , Renée Adorée, 1924, Norma Talmadge, 1927, Lupe Vélez, 1929 ...
Documentos Informe. O Centro Cinematográfico Galego: Un manifesto de intencións. Primeiro Congreso da Emigración Galega, celebrado en Bos Aires en 1956. O Centro de Imaxe de Galicia. Axencia Audiovisual Galega. Recoñecementos