Guido Álvarez Parga, nado en Lugo o 16 de setembro de 1985, é un turismólogo, guía e docente universitario especializado en Planificación Turística e en Xestión de Paisaxes Culturais. Colaborador asiduo en diversos medios de comunicación (principalmente prensa escrita e radio), é un dos fundadores do movemento social Coidemos Lugo. Foi nomeado como un dos 10 Lucenses do Ano no ano 2020, é asociado de honra da Asociación pola Defensa do Patrimonio Cultural Galego dende o 2021, recibiu o recoñecemento Travelers Choice da plataforma internacional TripAdvisor en 2022, 2023, 2024, 2025 e 2026, e é recoñecido polas súas variadas propostas e iniciativas turísticas e culturais en Galicia e sobre todo na cidade e na provincia de Lugo. Escribiu unha guía de 21 rutas naturais a través do municipio de Lugo e no ano 2026 comezaron a sinalizarse e oficializarse algunhas delas.
Traxectoria Naceu no barrio do Carme, fillo do xornalista arxentino Manuel Álvarez Prieto e da profesora de historia lucense Isabel Parga Pérez. Aos 18 anos mudouse á Coruña para cursar a carreira de Turismo. Continuou a súa formación con distintas bolsas de estudos (Erasmus, Leonardo, Maclands, Erasmus Mundus) nas universidades de Téramo (Italia), Santiago de Compostela, Jean Monnet (Saint-Étienne, Francia), Federico II (Nápoles, Italia) e Stuttgart (Alemaña), que compatibiliza con diversas experiencias laborais entre as que destacan un período no museo Benjamin Franklin House de Londres (Reino Unido), outro nunha consultora turística en Nantes (Francia) e varios anos como investigador e coordinador de dous observatorios turísticos no CETUR (Centro de Estudos e Investigacións Turísticas, en Santiago de Compostela). No 2015 regresa a Lugo, onde traballa durante varios anos en diversas axencias de viaxes, e no 2019 lanza o seu propio proxecto profesional: Guido Guía.
É o impulsor da campaña "Lugo Patrimonio Mundial", coordinador de "Lugo Muralla Única" e creador dos paseos "O Lugo menos coñecido", un formato de itinerarios turísticos alternativos posteriormente estendido por el mesmo a outras cidades e localidades galegas. En xeral é iniciador de variadas iniciativas culturais e percorridos turísticos.
En agosto do 2020, foi un dos fundadores de Coidemos Lugo, un amplo movemento social que promove a concienciación ambiental e o coidado do patrimonio. Un mes despois incorpórase á UNED (Universidade Nacional de Educación a Distancia) como profesor-titor do Grao de Turismo. Varios meses máis tarde é nomeado como un dos 10 Lucenses do Ano 2020, e tamén recoñecido pouco despois como asociado de honra da Asociación pola Defensa do Patrimonio Cultural Galego. No 2022, 2023, 2024, 2025 e 2026 recibiu o recoñecemento Travelers Choice da plataforma internacional TripAdvisor, e foi elixido "Petisqueiro do Ano 2022" en Twitter. O 29 de xuño do 2025 foi o pregoeiro da XLV Romaxe de Penas de Rodas.
É o autor dunha guía de 21 rutas naturais (que en 2026 comezaron a sinalizarse e oficializarse) a través do Concello de Lugo e colaborador frecuente dos medios Galicia Confidencial, Lugo Xornal, Nós Diario, El Progreso de Lugo, La Voz de Galicia, Cadena Ser e Onda Cero. miniatura|Premio Lucenses do Ano 2020
Premios e recoñecementos Lucenses do Ano 2020 Asociado de honra da Asociación pola Defensa do Patrimonio Cultural Galego no 2021 Recoñecemento Travelers Choice 2022, 2023, 2024, 2025 e 2026 da plataforma internacional TripAdvisor Premio "Petisqueiro do Ano 2022" en Twitter Pregoeiro da XLV Romaxe de Penas de Rodas
Publicacións
Guía de 21 rutas naturais do Concello de Lugo
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Sitio oficial
Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1985 Categoría:Profesores da Universidade Nacional de Educación a Distancia Categoría:Alumnos da Universidade da Coruña