Emilio Pereiro Rey, nado na Coruña en 1908 e finado o 2 de novembro de 1993, foi un futbolista galego, que xogaba de dianteiro.

Traxectoria Xogou no Stadium Coruñés ata 1924, cando fichou polo Deportivo da Coruña. Debutou co club coruñés con só 16 anos, nun partido amigable contra o Dundee F.C. escocés no campo de Riazor, que rematou con empate a tres goles. Ese mesmo ano disputou o primeiro derbi co Celta de Vigo da historia, anotando dous dos tres goles coruñeses. Gañou co Deportivo os Campionatos de Galicia de 1926/27 e 1927/28.

En 1926 debutou na Copa de España e no seu segundo encontro marcou un triplete no histórico 9-0 contra o Fortuna de Xixón. Na Copa de 1928 anotou un triplete contra o Celta, ao que lle marcou outros tres goles nun partido amigable ese mesmo verán. Ao longo da súa carreira no Deportivo, fíxolle 15 goles ao Celta, o que o coloca como o cuarto máximo goleador da historia dos derbis, superado só por Nolete, Chacho e Ramón Polo.

Retirouse en 1929, con só 21 anos, asegurando que nunca máis volvería pisar un campo de fútbol. Faleceu o 2 de novembro de 1993.

Familia Casou en 1930 con María de los Ángeles Precedo González, coa que tivo dúas fillas. Foi tío do adestrador e tamén futbolista Luis Precedo, que xogou entre outros no Fabril. Era cuñado do histórico futbolista do Deportivo Ramón González, pois este estaba casado coa súa irmá, María Pereiro Rey.

Palmarés Deportivo da Coruña

Campionato de Galicia (2): 1926/27, 1927/28.

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1908 Categoría:Finados en 1993 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña