Manuel Fernández de Castro y Menéndez Hevia, nado en Oviedo en 1834 e finado en Mondoñedo en 1905, foi un sacerdote católico e escritor español en lingua asturiana, bispo de Mondoñedo entre 1889 e 1905.
Traxectoria Fernández de Castro y Menéndez Hevia ordenouse sacerdote en 1869 e foi catedrático de latín no Seminario Conciliar de Oviedo. Doutor en Teoloxía, foi reitor penitenciario da Catedral da capital asturiana e foi o fundador do Catecismo de Oviedo. O 30 de decembro de 1889 foi nomeado bispo de Mondoñedo, sendo ordenado o 13 de abril de 1890. Durante os anos á fronte da diocese ampliou o Seminario e creou varias novas parroquias, como a do Carme e San Vicente de Trigás. Ademais mantivo unha colaboración xornalística no diario carlista La Unidad, referente desta tendencia en Asturias, dende a revolución de 1868. Tamén, escribiu sobre temas de Teoloxía Moral en revistas eclesiásticas españolas e publicou dous libros sobre catequesis.
Escritor en asturiano Empregou a lingua asturiana para obras de tipo de poético e relixioso, como por exemplo as poesías escritas para os nenos e nenas do Catecismo de Oviedo. Tamén en lírica, compuxo algúns poemas que lle deron sona. Mais a súa obra máis importante é a tradución do Evanxeo de Mateu feita baixo o patrocinio de Luis Luciano Bonaparte, curmán de Napoleón III, e publicada en Londres en 1861. Manuel Fernández de Castro fixo a tradución dende a versión en castelán de Torres Félix Amat, e empregou as variedades centrais do idioma. A tiraxe foron uns 200 exemplares dos que se conservan cinco, un deles da colección privada de Inaciu Galán. A obra non leva o seu nome, pois o Dereito Canónico prohibía a publicación en lingua vernácula da Biblia e fíxose sen licenza eclesíastica. Considérase que Louis Lucien Bonaparte entrou en contacto con Manuel Fernández de Castro grazas a asturianos residentes en París, ben por exiliados carlistas, ben polo embaixador naquela altura, Alejandro Mon y Menéndez.
Tamén fixo a tradución ao asturiano da bula Ineffabilis Deus na que o papa Pío IX proclamou o dogma da Inmaculada Concepción de María. Esta versión está conservada nun códice regalado por España ao Vaticano coas versións da bula en galego, éuscaro, catalán, valenciano, ademais do asturiano.
Recoñecementos Tanto en Mondoñedo como en Oviedo existen rúas co nome de Manuel Fernández de Castro. Ademais, a súa tarefa en lingua asturiana fixo que o seu nome bautizase o Coleutivu Manuel Fernández de Castro que une a sacerdotes en prol do uso do asturiano no seo da Igrexa Católica creado en 1986. Tamén lle foi adicada a Selmana de les Lletres Asturianes de 1997. En 2016 o Concello de Mondoñedo conmemorouno dentro do ciclo Mondoñedo é poesía dese ano.
Notas
Categoría:Nados en 1834 Categoría:Nados en Oviedo Categoría:Finados en 1905 Categoría:Escritores en lingua asturiana Categoría:Bispos da diocese de Mondoñedo Categoría:Escritores de literatura relixiosa Categoría:Escritores de Asturias