Skibbereen (en irlandés: An Sciobairín) é unha localidade situada no condado de Cork da provincia de Munster (República de Irlanda), cunha poboación no 2016 de 2778 habitantes. Skibbereen está situada no suroeste do país, a pouca distancia da cidade de Cork e da costa do océano Atlántico.

Historia A Fame A vila de Skibeeren foi duramente golpeada pola Gran Fame (en irlandés: an Gorta Mór) entre os anos 1845 e 1852, como relata o maxistrado Nicholas Cummins nunha carta dirixida a Arthur Wellesley, duque de Wellington, e publicada no xornal The Times de Londres na Noiteboa de 1846. O Skibbereen Heritage Centre estima que entre 8,000 e 10,000 vítimas da Gran Fame están enterradas nas fosas do cemiterio de Abbeystrewery, preto da vila. A pesar de que a exactitude dos datos da época da fame é cuestionada, os rexistros indican un descenso da poboación de 58,335 habitantes en 1841 a 32,412 en 1861.

Skibbereen tamén é o nome dunha canción sobre a Gran Fame, e o impacto que esta mais o goberno británico tiveron nas xentes de Irlanda. A canción, coñecida coma Dear Old Skibbereen, adopta a forma de conversación entre un pai e o seu fillo. Nela, o fillo pregunta ao pai por que emigrou da terra que el quería tanto.

No Skibbereen Heritage Centre hai unha exhibición permanente para conmemorar a memoria das vítimas da Gran Fame. O pobo tamén foi o punto central do primeiro National Famine Memorial Day de Irlanda, o 17 de maio do 2009. Skibbereen foi seleccionada por ser unha das zonas máis gravemente afectadas pola Gran Fame. O comité da conmemoración acordou que a peza central do día da memoria rotase entre as catro provincias irlandesas cunha frecuencia anual.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Localidades do condado de Cork