miniatura|Hugh Laurie en 2009. Gregory House é o personaxe protagonista da serie House (2004-2012), interpretado polo actor británico Hugh Laurie. Médico de profesión, especializado en doenzas infecciosas e nefroloxía, o personaxe lidera un equipo de diagnóstico no ficticio Hospital Universitario Princeton-Plainsboro e é descrito como amargado, sarcástico, cínico, maníaco nalgunhas ocasións, misántropo, narcisista e rabudo.
Os métodos pouco ortodoxos que House utiliza para diagnosticar, as terapias alternativas e a racionalidade incondicional dan como resultado varios conflitos cos seus colegas de profesión. House a miúdo é retratado como unha persoa carente de simpatía e compaixón cara aos seus pacientes, unha práctica que lle permite resolver os enigmas patolóxicos. O personaxe está inspirado en Sherlock Holmes. Un exemplo diso é que aínda que o detective era adicto á cocaína, o médico é adicto á vicodina para controlar a dor da súa perna, derivado dun infarto nun músculo.
Tom Shales, do The Washington Post, dixo que é «o personaxe máis impactante que fose un éxito televisivo en anos» e en 2008 foi votado como o segundo doutor máis sexy de todos os tempos, por detrás do doutor Doug Ross (George Clooney) da serie ER. Hugh Laurie gañou varios premios pola súa interpretación, incluídos dous Globos de ouro ao mellor actor en series dramáticas, e estivo nomeado aos Emmy en 2005, 2007, 2008, 2009 e 2010. TV Overmind nomeou o personaxe como o «mellor personaxe de televisión da última década» e dentro da lista dos 100 mellores personaxes, TV Guide considérao o mellor de todos os tempos.
Vida do personaxe Infancia e mocidade Gregory House é fillo de John e Blythe House. O seu pai era un piloto militar (coronel) que foi transferido a varios lugares do mundo. Un dos países onde viviu a familia foi Exipto, onde House ficou fascinado pola arqueoloxía, a alquimia e os tesouros, o cal permanece até a súa madurez. Outro dos sitios de residencia foi o arquipélago do Xapón, onde, aos catorce anos de idade, House descubriu a súa vocación pola medicina cando presenciou o respecto do que gozaba un médico pertencente á baixa clase social dos buraku ao que acudían diversos doutores cando non sabían como curar ao seu paciente. House quere á súa nai pero odia ao seu pai, a quen denomina «compás moral demente», e deliberadamente intenta evitar a ambos os proxenitores. Nun episodio, House relata unha historia dos seus pais deixándoo a cargo da súa avoa, cuxos castigos constituían abuso infantil. Máis tarde confesa que era o seu pai quen o maltrataba. Na quinta tempada, cando o seu pai falece, House sospeita que o defunto non era o seu pai biolóxico. Moi pouco iñantes do enterro, o médico decide extraerlle un fragmento de orella ao cadáver e realizar unha proba de ADN: finalmente, a proba demostra que John House non era o seu pai verdadeiro.
Gregory House doutorouse, con especialidade en enfermidades infecciosas, na Universidade Johns Hopkins. Durante o tempo que pasou na universidade, foi sorprendido copiando nun exame por un compañeiro chamado Philip Weber, quen en última instancia logrou a súa expulsión. Por mor disto, House continuou os seus estudos na Universidade de Míchigan e alí coñeceu a Lisa Cuddy, con quen tivo unha relación amorosa dunha noite e que se convertería posteriormente na súa xefa.
Relación con Stacy Warner Case dez anos iñantes do comezo da serie, nos anos 1990, o doutor House coñeceu a unha avogada chamada Stacy Warner (Sela Ward) nun partido de paintball onde competían avogados contra médicos e iniciaron unha relación. Cinco anos despois, durante un partido de golf, o médico sufriu un infarto no cuadríceps da súa perna dereita e non foi correctamente diagnosticado durante os tres primeiros días, por mor das preocupacións dos doutores polo seu comportamento como adicto ás drogas. Ao final, House diagnosticouse a si mesmo: un aneurisma na súa coxa coagulárase, levando a un infarto e causando que o músculo ficase inmóbil. House someteuse a un bypass na súa perna para restaurar a circulación sanguínea, arriscándose a que os seus órganos fallasen e a un paro cardíaco. Logo, House foi posto en estado de coma, para durmir sen sufrir dor, pero Stacy actuou contra a súa vontade e autorizou unha cirurxía máis segura entre a amputación e un bypass, extirpando o músculo morto. Como resultado, House perdeu parcialmente o uso da súa perna e a dor ficou en estado crónico, debendo camiñar con bastón; toma vicodina con moita frecuencia para evitar a dor. House non puido perdoar a Stacy por tomar semellante decisión, e entón ela deixouno.
Ao comezo da terceira tempada, House temporalmente volve ter a habilidade de camiñar e correr logo dun tratamento especializado. Porén, a dor crónica na súa perna regresa, polo que House volve á vicodina e ao bastón.
Cando Stacy fai a súa primeira aparición na serie, está casada cun conselleiro escolar chamado Mark Warner. Aínda que House e Stacy volven pasar tempo xuntos e reúnense brevemente durante a segunda tempada, House dille á súa ex noiva que regrese co seu marido, o cal a deixa asolada.
Médico no Princeton-Plainsboro O doutor Gregory House traballa no Hospital Universitario Princeton-Plainsboro de Princeton (Nova Jersey), ás ordes da directora Lisa Cuddy (Lisa Edelstein) e como xefe dun equipo de diagnóstico. O seu mellor e único amigo é o doutor James Wilson (Robert Sean Leonard), quen é xefe do departamento de oncoloxía.
Os médicos do equipo de House son, durante as tres primeiras tempadas da serie, o doutor Eric Foreman (Omar Epps), a doutora Allison Cameron (Jennifer Morrison) e o doutor Robert Chase (Jesse Spencer). Ao final da terceira tempada, o equipo disolveuse.
Durante a cuarta tempada, House pouco a pouco seleccionou a tres novos membros: a Dra. Remy «Trece» Hadley (Olivia Wilde), o Dr. Chris Taub (Peter Jacobson), e o Dr. Lawrence Kutner (Kal Penn). Durante a quinta tempada, Kutner suicidase cun disparo na cabeza, deixando moi tristes aos demais membros do equipo.
Relación con Lisa Cuddy Por mor dos métodos pouco convencionais que House emprega cos seus pacientes e ás súas controvertidas perspicacias, habitualmente adoita discutir coa súa xefa. No entanto, mesmo a pesar das demandas que acumula o equipo de House, Cuddy négase a despedilo e considérao como un dos mellores médicos do hospital. Durante a quinta tempada, aínda que parece que o médico e a súa xefa teñen unha relación amorosa, House descobre que se trata de imaxinacións súas provocadas polo uso excesivo da vicodina. Por iso, decide ingresar voluntariamente no Hospital Psiquiátrico Mayfield e dáse conta de algo: o único que controla a dor da súa perna é resolver os enigmas médicos. De novo no Princeton-Plainsboro, House recoñece que está namorado da súa xefa e decide conquistala. Porén, os seus esforzos non lle serven de nada: ela ten unha relación con Lucas Douglas (Michael Weston), un detective que House contratou no pasado para que espiase a Wilson.
No último capítulo da sexta tempada, House acode a un edificio derrubado por un guindastre. Alí, baixo os cascallos, atópase cunha moza chamada Hanna que necesita ser atendida: ten a perna baixo os restos do edificio. House, que acaba estabelecendo unha relación de amizade con ela, négase a amputarlle a perna, pero ao final non ten máis remedio. O que o médico non imaxina é que a moza morra por un embolismo graxo causado pola devandita amputación e iso déixalle frustrado. Xa na súa casa, House decide volver tomar vicodina e, xusto nese intre, chega Cuddy. Dille que deixou a Lucas e que en realidade está namorada del.
Durante a primeira metade da sétima tempada, House enfróntase á nai de Cuddy e descobre que ela e a súa filla non se levan moi ben. Ademais, aínda que nun principio cre que Rachel (a nena pequena que adoptou Cuddy) é parva, finalmente acaba encariñándose con ela. Pero todo cambia cando Cuddy enferma e House recae na vicodina por toda a ansiedade que sofre. Ela decide romper con el, xa que quería estar cunha persoa que realmente puidese sentir e compartir a súa dor. A ruptura provoca que House faga cousas arriscadas ou estúpidas, só para distraerse da súa amargura: lánzase a unha piscina dende o balcón dun hotel ou casa cunha muller ucraína chamada Dominika (Karolyna Widra) para que consiga a residencia nos Estados Unidos.
Porén, o máis grave é que House rouba un medicamento experimental, probado unicamente en ratas, que ten por obxectivo restaurar nervios e músculos danados. No entanto, cando descobre que este medicamento causa tumores malignos nas áreas afectadas, el descobre que ten tres na perna. Pouco despois, pola noite intenta extirpalos na bañeira do seu cuarto de baño, pero ao non conseguilo, chama de emerxencia a todos os seus coñecidos de confianza e a única que responde á súa chamada é a súa ex parella, Cuddy. Ela trasládao ao hospital, onde é atendido de emerxencia e asegúrase, a petición de House, de que non lle amputen a perna de non ser estritamente necesario. Xa pola mañá House esperta no hospital medianamente recuperado e fala con Wilson. Este pídelle que deixe de facer parvadas e comece efectivamente a enfrontar a súa dor. House fala con Cuddy e dille o frustrado e ferido que se sente.
Cando House decide aceptar a súa ruptura, a modo de simbolismo, decide devolverlle a Cuddy un cepillo do pelo. Cando chega a casa da doutora e ve que ten unha cita, tolea e estampa o seu coche contra o salón da súa xefa. Ela decide deixar o hospital e el, malia escapar dos Estados Unidos, é detido e ingresa en prisión.
Derradeira tempada Na oitava e derradeira tempada da serie, House, despois dun tempo no cárcere, volve ao Hospital Princeton-Plainsboro a petición do novo xefe, que non é outro que o seu antigo subordinado Eric Foreman. No novo equipo seguirán traballando Chase e Taub, aos que se unirán as doutoras Chi Park (Charlyne Yi) e Jessica Adams (Odette Annable). Na recta final da tempada, o seu mellor amigo, Wilson, confésalle que ten cancro e que lle fica pouco tempo de vida. House, despois de facer colapsar accidentalmente os canos do hospital e destruír parte da infraestrutura, é acusado de vandalismo pola policía, polo cal corre o risco de volver de novo ao cárcere e non poder acompañar a Wilson nos seus derradeiros meses de vida; aínda así, House segue traballando e atopa un paciente con problemas de adicción ás drogas co que se sente inmediatamente identificado.
No derradeiro capítulo da serie, finalmente, House desaparece do hospital para evitar ser arrestado. O médico espértase nun edificio en chamas, despois de consumir heroína co seu paciente drogadicto, que acaba falecendo por sobredose. No medio da desesperación, House experimenta alucinacións con dúas persoas do seu pasado (a doutora Amber Volakis e o doutor Lawrence Kutner) que o axudarán a resolver o enigma de como chegou á súa situación actual e que o levarán a reflexionar sobre os seus problemas e a decidir se seguir vivindo ou deixarse morrer. Aparentemente, House non logra saír vivo do sitio en chamas.
No seu funeral, Wilson pronuncia un discurso no que encomia (e tamén critica) ao seu mellor amigo. Nese intre, recibe no seu teléfono móbil unha reveladora mensaxe que di: «Cala, idiota!». É House, que finxiu a súa morte para non volver a prisión e poder gozar con Wilson dos seus derradeiros cinco meses de vida. Despois disto, Wilson reúnese con House, quen lle explica como finxiu a súa morte. Wilson dille a House que está a arruinar a súa vida, que despois de que el morra xa non poderá volver practicar a medicina e que pasará anos no cárcere. House contéstalle: «Estou morto, Wilson. Como queres pasar os teus derradeiros meses de vida?». Por mor de que House marchase do Princeton-Plainsboro, o doutor Robert Chase convértese no novo xefe do departamento de diagnóstico.