Charlie Michael Patiño Higgs, coñecido como Charlie Patiño, nado en Watford o 17 de outubro de 2003, é un futbolista inglés que xoga como centrocampista no Bochum, da 2. Bundesliga, cedido polo Deportivo da Coruña.

Traxectoria Nado en Watford, comezou a xogar ao fútbol no St. Albans City, pasando aos sete anos ao Luton Town. Atraeu a atención dos medios de comunicación xa con 11 anos, cando despois de recibir ofertas dos principais clubs ingleses, foi trapasado por 10.000 libras ao Arsenal. Subiu rapidamente polas diferentes categorías inferiores do club, e con só 14 anos xa destacaba no equipo sub-18.

En outubro de 2020 asinou o seu primeiro contrato profesional co Arsenal. Ese mesmo mes, foi incluído na lista "Next Generation" 2020 de The Guardian, como un dos mellores xogadores novos dos equipos da Premier League.

O 21 de decembro de 2021 debutou co primeiro equipo do Arsenal na vitoria por 5-1 contra o Sunderland na EFL Cup, marcando o quinto gol dos Gunners no tempo de desconto, pouco despois de entrar como substituto de Emile Smith Rowe.

Para a tempada 2022/23 saíu cedido ao Blackpool, club do Championship, segunda categoría do fútbol inglés. Debutou co equipo o 6 de agosto, nun encontro ante o Stoke City, substituíndo a Lewis Fiorini na segunda metade. Disputou un total de 37 partidos, nos que marcou 3 goles, incluído un no derbi de West Lancashire contra o Preston North End en Bloomfield Road.

Na campaña 2023/24 volveu saír cedido á Championship, desta vez ao Swansea City. Co equipo galés disputou un total de 35 encontros, ás ordes de Michael Duff primeiro e Luke Williams despois, anotando catro goles.

En agosto de 2024 anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña. Aínda que chegou á cidade natal de seu avó como unha gran promesa, apenas tivo protagonismo ao longo da tempada 2024/25. Debutou na Segunda División o 27 de setembro, na vitoria por 2-5 da sétima xornada de liga contra o Albacete no Carlos Belmonte, entrando no minuto 83 no lugar de Mfulu. Un mes despois, a baixa do congolés permitiulle ser titular ante o Levante, pero acabou sendo substituído ao descanso.

Tras xogar uns minutos nunha derrota contra o Almería, pasou case seis meses sen ser aliñado en liga, ata que co obxectivo da permanencia xa cumprido, volveu xogar nos catro últimos partidos de liga. Na penúltima xornada contra o Real Zaragoza, marcou en propia meta o único gol do encontro, sendo este o derradeiro gol anotado nos 67 anos de historia do estadio da Romareda antes da súa demolición. Na tempada 2025/26, xa con Antonio Hidalgo no banco, tampouco tivo continuidade, contando só con cinco titularidades nunha campaña na que o equipo logrou o ascenso á Primeira División. Entrou habitualmente dende o banco de suplentes, ata sumar un total de 31 partidos, aínda que cun rendemento escaso.

Para a tempada 2026/27 foi cedido ao Bochum, da 2. Bundesliga.

Selección inglesa Foi internacional coa selección inglesa nas categorías sub-15, sub-16, sub-17 e sub-19. Elixible por España pola súa ascendencia paterna, a Real Federación Española ofreceulle xogar na selección española.

Vida persoal Seu pai, Julio Patiño, é fillo de dous emigrantes galegos que se instalaron en Inglaterra na década de 1960. Súa avoa paterna é natural do lugar cambrés de Lema, mentres que seu avó naceu no Campo da Leña da Coruña. Durante a súa infancia visitaba asiduamente Galicia xunto coa súa familia, e acudía a Riazor con seu pai, afeccionado do Deportivo da Coruña, especialmente durante a disputa do Trofeo Teresa Herrera.

Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopaOutrosInclúe partidos da EFL Cup.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesArsenal2021/22Premier League 0 0 1011 21Blackpool2022/23Championship 34 2 211 0 373Swansea City2023/24Championship3332100354Deportivo da Coruña2024/25Segunda7010 - -802025/26Segunda28030 - -310Total club3504000390Total carreira 102 5 922 1 1138

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en Soccerway .

Categoría:Nados en 2003 Categoría:Nados en Hertfordshire Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Ingleses de ascendencia galega Categoría:Futbolistas de Inglaterra Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Arsenal FC Categoría:Xogadores do Blackpool FC Categoría:Xogadores do Swansea City AFC Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do VfL Bochum