Carlos Santiago Cela Pereira, nado en Vigo o 5 de novembro de 1936, é un exfutbolista galego. Destacou dende novo e foi internacional coa selección española xuvenil, coa que se proclamou campión do mundo en 1954, sendo o máximo goleador do torneo e marcando un dos tantos na final contra a Alemaña de Uwe Seeler. Posteriormente xogou no Espanyol e pertenceu varios anos ao Real Madrid, pero a dura competencia no club branco fixo que saíse cedido a varios equipos. A súa carreira viuse truncada polas lesións e acabou por retirarse do fútbol con só 25 anos.

Traxectoria Naceu en Vigo, sendo fillo de Amadeo Cela Guillén e María Pereira Gómez, e formouse como futbolista no Rápido de Bouzas da súa cidade natal. Aos 17 anos trasladouse a Barcelona para estudar Económicas, e alí fichou polo Universitario, adestrado por Odilo Bravo, ao que xa tivera como técnico en Bouzas. Xogando neste equipo foi convocado pola selección catalá xuvenil e tamén coa selección española xuvenil, coa que se proclamou campión do mundo. Recibiu ofertas do Atlético de Madrid, pero rexeitounas para continuar cos seus estudos en Barcelona.

En 1954 fichou polo RCD Espanyol, seguindo de novo a Odilo Bravo. No club branquiazul xogou co equipo xuvenil e o 26 de decembro debutou con 18 anos na Primeira División, nun partido contra o Racing de Santander en Sarrià. Formou na dianteira xunto con Prieto, Oswaldo, Piquín e Antó, e marcou o único gol do encontro. Xogou un total de 9 partidos na tempada, marcando 5 goles.

Para a campaña 1955/56 foi traspasado ao Real Madrid, formando parte do equipo durante a maior parte da tempada, na que o club branco acabaría gañando a primeira edición da Copa de Europa, pero sen chegar a debutar en ningunha competición oficial.

En febreiro de 1956 foi cedido ao Real Betis, que loitaba por ascender a Primeira División. Debutou con dous goles fronte ao Granada e acabou a liga con 5 goles nas últimas 7 xornadas. Sumou outros 6 goles na fase de ascenso, na que o equipo sevillano non conseguiu subir de categoría. Xogou cedido unha segunda tempada no Betis, onde coincidiu con outros galegos como Portu, Vilariño ou Otero. Marcou 5 goles nos primeiros partidos da tempada, pero a súa progresión viuse freada por unha grave lesión de menisco, que o afastou dos campos durante meses.

De regreso no Real Madrid, gañou a liga e unha segunda Copa de Europa na tempada 1957/58, aínda que de novo sen contar con minutos no equipo dirixido polo arxentino Carniglia, que contaba naqueles anos cun longo cadro de xogadores e unha dura competencia na dianteira. Na seguinte campaña xogou cedido no Gran Peña, da Terceira División, mentres realizaba o servizo militar en Vigo. Con todo, caeu lesionado na primeira xornada contra o Xuvenil coruñés, perdendo case todo o resto da tempada. Xogou un total de seis encontros co club adestrado por Yayo, marcando tres goles. Na seguinte tempada o Real Madrid cedeuno nas últimas xornadas ao Terrassa, da Segunda División.

En xullo de 1960 fichou por un ano polo Real Jaén, tamén de Segunda, reclamado polo adestrador José Valera, co que coincidira no Betis. Xogou só dous partidos co club andaluz, que sufriu esa tempada numerosos problemas institucionais e deportivos, e polo que tivo ata catro adestradores diferentes no banco. Ao remate da tempada colgou as botas.

Selección nacional En 1954 foi convocado para disputar o Mundial Xuvenil coa selección española, onde coincidiu co tamén galego Botana.TODO SOBRE TODAS LAS SELECCIONES, Félix Martialay, Editorial ESM Na fase de grupos marcou un gol contra Iugoslavia e un triplete contra Portugal. A continuación fixo o único gol nas semifinais contra a Arxentina en Wuppertal, e marcou o primeiro dos dous goles españois na final contra Alemaña en Colonia, despois de que Alemaña se adiantase con dous goles de Uwe Seeler. A continuación Emilio Álvarez puxo o empate, que lle serviu a España para se proclamar campioa do mundo grazas á diferenza de goles durante o torneo. Cela foi o máximo goleador do campionato, con seis goles.

Vida persoal Casou en xullo de 1963 en Vigo con Gloria Rodríguez Braga.

Palmarés Real Madrid

Primeira división (1): 1957/58. Copa de Europa (2): 1955/56, 1957/58.

Selección española xuvenil

Mundial Xuvenil (1): 1954.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1936 Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do Gran Peña Categoría:Xogadores do Terrassa FC Categoría:Xogadores do Real Jaén Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA