A casa Pereira é un edificio de estilo modernista, proxectado na cidade de Ferrol polo arquitecto galego Rodolfo Ucha Piñeiro en 1912.
Características A singularidade da fachada do edificio mostra unha concepción nova ao empregar dous módulos verticais claramente diferenciados entre si, en lugar do clásico esquema de tres ocos independentes. O deseño de cada un dos elementos de ambos os módulos está individualizado a partir do uso de diferentes materiais como madeira, cemento, azulexo, ladrillo ou ferro, que conforman unha ampla despregadura de elementos ornamentais e que dotan ao edificio dunha distinción moi por encima da súa dimensión e función real.
A innovación no deseño do edificio evidénciase polo uso dun extenso repertorio de solucións nos vans, que vai desde o oco rectangular aos arcos ou os círculos, rematados con balcóns profusamente ornamentados, reixas con sofisticadas formas e a profusión de decoración con motivos vexetais que intercalan elementos Secesión con outros de inspiración do modernismo centroeuropeo. A casa Pereira pertence ao conxunto histórico-artístico do barrio da Magdalena e á ruta modernista de Ferrol.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Teatro Jofre Chalé Antón Casa Rodríguez Fernández Chalé de Canido
Categoría:Arquitectura civil en Ferrol