Mary Esther Wells, nada en Detroit o 13 de maio de 1943 e finada nos Ánxeles o 26 de xullo de 1992, foi unha cantante estadounidense de soul, rhythm and blues e pop, que axudou a definir o emerxente son Motown a principios da década de 1960.
Traxectoria De orixe humilde, Wells naceu e pasou a infancia nun barrio pobre e Detroit, Míchigan. A súa nai traballaba como empregada de fogar e o seu pai estaba austente. Aos dous anos contraeu meninxite espinal e enfrontouse cunha cegueira e xordeira parcial nun oído e unha parálise temporal. Aos dez anos contraeu tuberculose.
En 1960, con dezasete anos, achegouse a Berry Gordy, fundador de Tamla Records, no club Twenty Grand de Detroit. Foi a primeira cantante que asinou un contrato coa discográfica Motown, onde gravou o maior éxito da súa carreira, a canción "My Guy", de 1964. Tamén gravou un dúo con Marvin Gaye, con quen tivo os éxitos "Once Upon a Time" e "What's the Matter With You, Baby?".
Ao cumprir vinte anos, Wells decidiu romper o seu contrato coa Motown e asinou con 20th Century Fox un contrato de 200 000 dólares. Alén da música, tiña a promesa dunha carreira cinematográfica, mais na nova compañía Wells non repetiu o éxito que obtivera na Motown. A pesar de ter un relativo éxito cos seus tres primeiros sinxelos para Fox, o seu álbum fracasou comercialmente e o seu contrato foi rescindido.
Wells asinou entón cunha nova discográfica, Atco (subsidiaria da Atlantic Records). Aínda que o seu primeiro sinxelo, "Dear Lover", chegase ao sexto lugar na lista R&B da Billboard, os seguintes fracasaron. En 1968 asinou con Jubilee Records, mais novamente non logrou éxito, o mesmo que pasou coa discográfica Reprise Records.
A súa carreira renaceu en 1981 cando gravou o álbum In and Out of Love, lanzado por Epic Records. O sinxelo "Gigolo" converteuse nun grande éxito e chegou ao número dous na lista disco da Billboard.
Mary Wells faleceu en 1992 por mor dun cancro de larinxe aos 49 anos.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas CMG Worldwide History of Rock page on Mary Wells
Categoría:Nados en Detroit Categoría:Nados en 1943 Categoría:Finados en 1992 Categoría:Cantantes dos Estados Unidos de América Categoría:Finados por cancro