Avelino Viña Vázquez, nado en Montevideo o 12 de abril de 1963, é un exfutbolista uruguaio de orixe galega, que xogaba como porteiro. Fillo de dous emigrantes de Lugo, formouse no Nacional de Montevideo, pero destacou no fútbol español, especialmente no Jaén e no Córdoba. Disputou 336 partidos oficiais en España e retirouse nas filas do Murcia, club no que pasou a traballar máis tarde como adestrador de porteiros.
Traxectoria
Nacional Naceu en Montevideo, sendo fillo de dous emigrantes galegos, Avelino e Carmen, naturais de Lugo. Formouse como gardameta no Ombú Juniors e na canteira do Nacional, debutando co primeiro equipo do segundo con 17 anos, nun amigable contra unha selección de Canelones no estadio Martínez Monegal. Xogou un total de catro encontros co primeiro equipo e chegou a ir convocado a varios encontros da Copa Libertadores. Con todo, non disputou ningún partido oficial co primeiro equipo do club, sendo o porteiro titular durante aqueles anos Rodolfo Rodríguez, pero formou parte do equipo que gañou o Campionato Uruguaio na tempada 1983. Durante eses anos xogou habitualmente no equipo reserva, na Terceira División.
Central Español e Wanderers Militou en Nacional ata 1984, pasando logo ao Central Español, co que debutou na Primeira División. Alí tivo como técnico a Gregorio Pérez e como adestrador de porteiros a Julio González. Gregorio Pérez fichou en 1987 polo Montevideo Wanderers, e levou con el Viña, que militou no club os seguintes tres anos.
Deportivo da Coruña e El Tanque En marzo de 1990 chegou a Galicia, cedido polo Wanderers ao Deportivo da Coruña, da Segunda División. No equipo de Arsenio non contou con oportunidades, repartíndose as titularidades os porteiros Jorge e Fernando. Aínda que non chegou a debutar, a súa estancia na Coruña foi o primeiro chanzo da súa posterior carreira no fútbol español. Trala fin da cesión, regresou ao Uruguai, onde pasou a xogar no El Tanque Sisley, co que disputou a histórica tempada 1991, a primeira do club na Primeira División, aínda que o gardameta titular na maioría de partidos foi Enrique Carrera.
Jaén e Córdoba En 1992 regresou a España, fichando polo Real Jaén, da Segunda División B. No equipo andaluz tivo destacadas actuacións e foi titular indiscutible para os adestradores Crispi e Bartolomé Plaza, disputando ata 96 partidos oficias en só dúas tempadas, incluídas dúas fases de ascenso a Segunda. No verán de 1994 seguiu a Crispi e fichou polo Córdoba, da mesma categoría, club no que militou durante os seguintes cinco anos, gañando prestixio polo seu bo rendemento. Xogou 168 partidos oficiais co Córdoba, disputando catro fases de ascenso e finalmente logrou subir de categoría na tempada 1998/99. Con todo, perdeu protagonismo no equipo trala irrupción do porteiro José Antonio Leiva, e deixou o equipo tralo ascenso.
CP Almería e Murcia Para a tempada 1999/00 fichou polo Polideportivo Almería, co que disputou 38 encontros ata maio do 2000. Fichou entón polo Murcia, tendo de novo a Crispi como adestrador. Disputou inmediatamente trala súa chegada a fase de ascenso a Segunda, e foi titular no partido contra o Granada no que un gol de Aguilar devolveu o equipo murciano á categoría de prata. Xogou dúas campañas máis no club vermello, tendo como adestradores entre outros a Pepe Mel e David Vidal, e colgou as botas en 2002, aos 39 anos de idade.
Trala súa retirada continuou instalado en Murcia e en 2006 regresou ao Real Murcia como adestrador de porteiros, labor que exerceu durante as seguintes dúas décadas.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1963 Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Uruguaios de ascendencia galega Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Club Nacional de Football Categoría:Xogadores do Central Español FC Categoría:Xogadores do Montevideo Wanderers FC Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do El Tanque Sisley Categoría:Xogadores do Real Jaén Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do CP Almería Categoría:Adestradores do Real Murcia