Felicia Langer, nada en Tarnów (Polonia) o 9 de decembro de 1930 e finada en Tubinga o 21 de xuño de 2018, foi unha avogada e activista polos dereitos humanos alemá-israelí, coñecida pola súa defensa dos presos políticos palestinos en Cisxordania e na Franxa de Gaza. Escribiu varios libros alegando violacións dos dereitos humanos por parte das autoridades de Israel. Viviu en Alemaña dende 1990 e adquiriu a cidadanía alemá en 2008. En xullo de 2009, o presidente alemán Horst Köhler concedeulle a Cruz Federal do Mérito de primeira clase, o quinto rango máis alto da orde federal. O galardón provocou unha controversia pública a cause da súa actitude no conflito árabe-israelí.
Traxectoria Primeiros anos Felicia-Amalia Langer naceu de pais xudeus na vila polaca de Tarnów en 1930. En 1939, a súa familia fuxiu da invasión alemá á Unión Soviética, onde o seu pai acabou morrendo nun gulag de Stalin. Outros dos seus familiares foron asasinados polos nazis. En 1949 casou en Wrocław con Mieciu Langer, supervivente dun campo de concentración e que perdera toda a súa familia no holocausto.
Vida en Israel En 1950, a parella emigrou a Israel, onde naceu o seu fillo en 1953. En 1959 comezou a estudar dereito na Universidade Hebrea de Xerusalén. Traballou brevemente para unha firma de avogados de Tel Aviv, mais abriu o seu propio despacho en 1966. Opúxose á ocupación israelí de Cisxordania e a Franxa de Gaza, e por iso estableceu un bufete privado en Xerusalén para defender os políticos palestinos detenidos. Langer foi a primeira avogada que axudou os palestinos en casos sobre confiscación de terras, demolición de domicilios, deportación e tortura perante os tribunais militares israelís.
Langer gañou casos con pouca frecuencia nos seus vinte e tres anos de carreira. En 1977 perdeu a licenza para defender obxectores de conciencia israelís perante os tribunais de Israel e podía ser excluída en calquera momento por motivos de seguridade. Langer considerou como o punto máis alto da súa carreira a defensa con éxito en 1979 do alcalde de Nablus, Bassam Shaka. Shaka apoiara a Organización para a Liberación de Palestina e criticara os Acordos de Camp David; fora acusado de incitar ao terrorismo polas súas afirmacións e recibira unha orde de expulsión. Langer defendeuno con éxito, e a orde de expulsión foi anulada polo Tribunal Supremo de Israel. Durante moitos anos, Langer foi vicepresidenta da Israeli League for Human and Civil Rights. Posteriormente uniuse ao Partido Comunista de Israel, facendo parte do comité central.
En 1990 abandonou o partido despois dun conflito interno pola súa orientación, pechou os seus despachos e mudouse a Alemaña co seu marido. Nunha entrevista en The Washington Post, Langer dixo que o deixara porque os palestinos non podían agardar xustiza en Israel.Journal of Palestine Studies Volume XIX, no 4 (76) Summer 1990, pg. 212. cites Washington Post, 13 de maio de 1990.
Vida en Alemaña Dende 1990, viviu en Tubinga, Baden-Württemberg, e adoptou a cidadanía alemá en 2008. Aceptou postos de docente nas universidades de Bremen e Kassel e continuou a escribir libros que foron traducidos a varias linguas. Nos seus escritos, conferencias e entrevistas criticou a política israelí nos territorios ocupados, que consideraba equivalente a unha anexión. Indicou que a construción de asentamentos israelís en Cisxordania socavaba a posibilidade dunha solución con dous estados.
En 1990 recibiu o Right Livelihood Award por "o exemplar valor da súa defensa dos dereitos básicos do pobo palestino". En 1991 recibiu o premio Bruno Kreisky polo seu destacado labor na área dos dereitos humanos. En 2005 foille outorgado o premio Erich Mühsam pola súa loita continuada polos dereitos humanos dos palestinos.
Apoiou ademais a Campaña polo Establecemento da Asemblea Parlamentaria das Nacións Unidad, organización que propón unha reforma democrática das Nacións Unidas.
Pasamento Felicia Langer faleceu o 21 de xuño de 2018 aos 87 anos en Tubinga.Im Gedenken an eine große Humanistin: Felicia Langer, diefreiheitsliebe.de; consultado o 22 de xuño de 2018
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas The Right Livelihood Award to Langer Al-Ahram article The Daily Star article Report of Langer's testimony before the World Peace Council International Inquiry Commission
Categoría:Nados no condado de Tarnów Categoría:Nados en 1930 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Activistas de Alemaña Categoría:Activistas polos dereitos humanos Categoría:Avogados Categoría:Israelís de ascendencia polaca