Rocío Viéitez Ferro, nada no Campo Lameiro (Pontevedra) en 1975, é unha tradutora galega.
Traxectoria Estudou Filoloxía inglesa na Universidade de Santiago de Compostela e comezou o doutoramento en lingüística pura na Universidade de Oviedo, coa intención de estudar as vogais e a súa evolución do inglés ao medieval. Porén, sempre quixo ser tradutora e presentouse ao exame de acceso na Universidade de Vigo, onde finalmente estudou Tradución e interpretación. Traduce en varios idiomas, do inglés, francés e portugués, ao español e galego.
Os seus inicios no mundo laboral no 2004 foron como tradutora técnica e científica, e así foi durante dezasete anos.
O Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, con motivo das XXI Xornadas de homenaxe a Valle-Inclán en 2019, propúxolle a tradución do conto O meu bisavó, sendo esta a primeira vez que se traducía este conto ao galego. Dende entón virou a súa carreira cara a tradución literaria.
Sempre foi unha lectora voraz que "vive lendo e sobrevive lendo" e como tradutora sentía que faltaban libros que non estaban en galego e tiñan que estar. Deste xeito, pensou nunha serie de libros importantes para ela coa idea de crear unha colección de todo o mundo, para ser traducidos e tamén educar en valores humanos.
No ano 2021 presentou Candemaia, o seu proxecto persoal ante a editorial Laiovento onde botou andar ese mesmo ano. Vieitez tiña claro que había unha necesidade de poñer o foco na literatura escrita e traducida por mulleres, "para que con historias de nenas, mozas e adultas, fiemos un tecido máis humano, máis respectuoso". Ademais, cada libro levará unha achega dun home, subliñando con este xeito o espírito igualitario da colección que coordina ela e que contará con 30 títulos de todo o mundo. O proxecto Candemaia debe o seu nome ás fillas de Rocío Viéitez, Candela e Amaia, asasinadas polo seu pai.
A primeira publicación desta colección foi Mociñas de Louisa May Alcott que conta cun limiar de Kathleen March, profesora emérita da Universidade de Maine e abre co poema Arrolaime, do poeta e ilustrador Héitor Picallo. Segundo conta Viéitez, escolleu esta obra porque considera que é un clásico a reivindicar e porque a súa autora foi unha muller tremenda, cultísima, abolicionista, reformista e que escribía cousas que ninguén se atrevía a escribir.
Soños no limiar foi a segunda tradución de Candemaia. A única novela da socióloga e escritora Fatema Mernissi onde conta unha autobiografía ficticia sobre a súa infancia nun harén en Fez nos anos 40.
A seguinte obra traducida foi O azul entre o ceo e a auga da xornalista e activista polos dereitos humanos Susan Abulhawa, unha "historia de resiliencia, onde vemos como podemos resistir malia todas as condicións externas adversas grazas á fortaleza das matriarcas".
Pertence ao Consello da Cultura Galega desde 2022, e é membro da Comisión técnica temporal para a elaboración do proxecto Seara, portal de tradución de poesía galega ao inglés. miniatura|Con Moncho Iglesias presentando un libro por ela traducido en Bueu, Libraría Miranda.
Traducións Mociñas, de Louisa May Alcott, 2021, Colección Candemaia, Editorial Laiovento. Soños no limiar, de Fatema Mernissi, 2022, Colección Candemaia, Editorial Laiovento. O azul entre o ceo e a auga, de Susan Abulhawa, 2023, Colección Candemaia, Editorial Laiovento. O meu bisavó, de Ramón María del Valle-Inclán, 2019, dentro do volume primeiro dunha serie de relatos titulada Arcas de Bradomín, do Museo de Valle-Inclan da Pobra do Caramiñal.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Proxecto Seara
Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade de Vigo Categoría:Tradutores de Galicia Categoría:Tradutores do inglés Categoría:Tradutores ao galego Categoría:Nados no Campo Lameiro Categoría:Nados en 1975