Juan Touzón Jurjo, nado en Folgoso do Courel o 7 de maio de 1898 e finado en Madrid o 13 de agosto de 1972, foi un avogado galego. Foi presidente do Atlético de Madrid e da Real Federación Española de Fútbol, e chegou a dirixir un partido internacional como seleccionador de España.

Traxectoria Aínda que nacido en Folgoso do Courel, viviu dende novo en Madrid. Avogado de profesión, foi subdirector do Banco de Vizcaya e membro de honra da Asociación da Prensa de Madrid. Afeccionado do Atlético de Madrid, foi directivo do club dende os anos 30, realizando diversos trámites, como a fusión co Aviación Nacional ou a compra ao Patronato de Huérfanos del Ejército del Aire "Nuestra Señora de Loreto", do Estadio Metropolitano, que posibilitou a súa rehabilitación e conservación despois de resultar moi danado na Guerra Civil.

O 15 de xaneiro de 1946 foi nomeado presidente do club, daquela denominado Club Atlético Aviación, aínda que a finais dese mesmo ano cambiaría de denominación polo actual Club Atlético de Madrid. Durante o seu mandato tamén se fundou a sección de balonmán. En xullo de 1947 foi substituído como presidente do club por Cesáreo Galíndez.

Despois de deixar a presidencia do Atlético de Madrid, seguiu ligado ao mundo do fútbol. En marzo de 1954 foi nomeado presidente da Federación Española, período no que, a falta dun adestrador fixo, alternaron varios no banco da selección española, chegando o propio Touzón a dirixir un partido en 1955. Foi nun partido contra a selección suíza, correspondente á clasificación para o Mundial de 1958. O encontro rematou con vitoria española por 0-3. Touzón estivo no banco xunto a Ramón Melcón e o expresidente do Atlético de Madrid José Luis del Valle. En 1956 deixou a presidencia da RFEF, aínda que seguiu sendo directivo da mesma.

Morreu en Madrid o 13 de agosto de 1972.

Notas

Categoría:Nados en 1898 Categoría:Nados en Folgoso do Courel Categoría:Finados en 1972 Categoría:Avogados de Folgoso do Courel Categoría:Adestradores da selección de fútbol de España Categoría:Presidentes do Atlético de Madrid Categoría:Presidentes da Real Federación Española de Fútbol