Manuel Díaz Gil, máis coñecido como Liz, nado en Sevilla o 29 de marzo de 1929 e finado na mesma cidade o 28 de marzo de 1966, foi un futbolista español que xogaba como extremo dereito.

Traxectoria Debutou en Primeira División co Sevilla na tempada 1952/53, nunha derrota por 2-6 contra o Espanyol en Sarrià, e marcou o seu primeiro gol nunha derrota por 1-2 ante o Racing de Santander no estadio de Nervión. O 22 de febreiro de 1953 marcou un triplete contra o Deportivo da Coruña, nunha vitoria por 6-2, sumando un total de 6 goles durante a campaña, axudando ao seu equipo a clasificarse na quinta posición. Foi titular durante a maioría de partidos das seguintes tres tempadas, xa con Helenio Herrera no banco, acadando un total de 22 goles co club andaluz.

En 1955 marcou un dos goles do Sevilla nas semifinais da Copa do Xeneralísimo contra o Real Madrid, que lle serviron ao equipo de Herrera para eliminar ao club madrileño. Foi titular na final contra o Athletic, na que se impuxo o club vasco por 1-0. Tamén en 1955 chegou a debutar coa selección B de España nun partido contra Exipto correspondente á Copa Mediterránea, formando dianteira xunto con Tejada, Badenes, Uribe e Pepillo.

En xaneiro de 1957 foi cedido xunto con Arenas ao Deportivo da Coruña, dentro dunha operación na que o Sevilla conseguiu o traspaso de Arsenio. Debutou cun gol ante o FC Barcelona, e nos 11 partidos que disputou marcou outros dous tantos., un deles contra o propio Sevilla, pero non puido evitar o descenso do Deportivo á Segunda División.

De regreso no Sevilla disputou só 6 encontros na tempada 1957/58 e debutou na Copa de Europa, nunha derrota por 8-0 contra o Real Madrid no Bernabéu. A continuación fichou polo Atlético Almería, co que xogou dúas tempadas na Segunda División ata a desaparición do club en 1960.

Vida persoal O seu irmán máis novo, Antonio, tamén foi futbolista e dianteiro, e ambos coincidiron nas filas do Sevilla na tempada 1955/56, xogando cada un nun extremo.

Notas

Categoría:Nados en 1929 Categoría:Nados en Sevilla Categoría:Finados en 1966 Categoría:Futbolistas de Andalucía Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Sevilla FC Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Atlético Almería Categoría:Personalidades sen imaxes