A apolipoproteína C1 (tamén apolipoproteína C-I ou ApoC-I, entre outros nomes) é un compoñente proteíco das lipoproteínas que nos humanos está codificado no xene APOC1 do cromosoma 19.
Función
A proteína codificada por este xene pertence á familia da apolipoproteína C. Este xene exprésase principalmente no fígado e é activado cando os monocitos se diferencian en macrófagos. Atopáronse variantes de transcrición de empalme alternativo deste xene, pero non se determinou a validez biolóxica dalgunhas variantes.
A apolipoproteína C1 ten unha lonxitude de 57 aminoácidos, encóntrase normalmente no plasma e é responsable da activación do lecitín colesterol esterificado cun importante papel no intercambio de colesterol esterificado entre distintas lipoproteínas e na eliminación do colesterol dos tecidos. A súa principal función é a inhibición da proteína de transferencia de ésteres do colesterol (CETP), probablemente ao alterar a carga eléctrica de moléculas de HDL.
Durante o xexún (igual que ocorre con outras apolipoproteínas C), encóntrase principalmente nas HDL, pero despois dunha comida encóntrase na superficie doutras lipoproteínas. Cando se degradan proteínas ricas en triglicéridos como os quilomicrons e as VLDL, esta apolipoproteína é transferida de novo ás HDL. É unha das proteínas con máis cargas positivas do corpo humano.
Pseudoxene Localizouse un pseudoxene deste xene a 4 kb augas abaixo do xene da APOC1 coa mesma orientación no cromosoma 19, e os dous forman parte do mesmo agrupamento de xenes de apolipoproteínas. Este pseudoxene, do que tamén se informou que estaba presente nos denisovanos e neandertais, orixinouse en dous episodios separados. Despois da diverxencia dos monos do Novo Mundo da liñaxe humana, o xene APOC1 sufriu unha duplicación. Os monos do Vello Mundo e os grandes simios non humanos teñen os dous xenes activos. Neles, un dos duplicados codifica unha proteína básica designada apoC-IB que é ortóloga da apolipoproteína C1 humana. O outro codifica unha proteína ácida chamada apoC-IA, que é ortóloga da proteína virtual que estaría codificada no pseudoxene. O evento de pseudoxenización ocorrido nalgún momento entre a diverxencia dos bonobos e os chimpancés da estirpe humana e a aparición dos denisovanos e os neandertais. O pseudoxene débese a un cambio nun só nucleótido no codón do penúltimo aminoácido, que é a glutamina, na secuencia sinal, orixinando como resultado un codón de stop.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
PDBe-KB resume toda a información sobre estruturas dispoñible en PDB para a apoliporptoeína C1 humana
Categoría:Apolipoproteínas