Juan Baena Ruiz, nado en Ceuta o 18 de maio de 1950 e finado en Alacant o 28 de setembro de 2012, foi un futbolista español. Integrante histórico do Hércules, é o futbolista con máis partidos oficiais disputados co club, un total de 362 en 12 tempadas. Comezou xogando de dianteiro, ata que o seu adestrador no equipo alacantino, Arsenio Iglesias, atrasou a súa posición ata a defensa.
Traxectoria Formouse como futbolista na canteira do Betis, pasando polo seu filial, o Triana, antes de subir ao primeiro equipo na tempada 1969/70. Debutou na Segunda División o 8 de decembro de 1969, nun partido contra o Bilbao Athletic. Na seguinte tempada, con Antonio Barrios como adestrador, o Betis logrou o ascenso, pero Baena saíu cedido ao Logroñés, tamén de Segunda.
Na tempada seguinte volveu saír cedido, desta vez ao Hércules, que estaba adestrado por Ignacio Eizaguirre. Debutou co equipo alacantino nun encontro de Segunda fronte ao Pontevedra, facendo o gol do empate (1-1). Marcou outros 8 goles ata o final da tempada, acabando o Hércules en postos de promoción de permanencia. O equipo xogou entón unha eliminatoria fronte ao Cartagena a ida e volta, marcando Baena un gol en cada un dos encontros e contribuíndo dese xeito á salvación.
O seu bo rendemento fixo que ao remate da cesión, a directiva do club alacantino o fichase en propiedade. Continuou xogando de dianteiro co adestrador Jenő Kalmár, pero trala chegada ao banco de Arsenio Iglesias, este decidiu atrasar a súa posición, primeiro ao centro do campo e logo ata a defensa. Con Arsenio como técnico o Hércules ascendeu a Primeira e obtivo os mellores resultados da súa historia, obtendo un quinto e un sexto posto na liga. A estrea de Baena na máxima categoría produciuse o 7 de setembro de 1974, nun encontro ante o Murcia, mentres que o seu primeiro gol chegou un mes e medio despois fronte ao Málaga.
Militou no Hércules ata a súa retirada en 1983, sumando 362 partidos oficiais e 57 goles, sendo o futbolista con máis partidos da historia do club. Trala súa retirada dedicouse á Medicina e foi médico do Hércules durante 7 anos. Faleceu o 28 de setembro de 2012, ao non poder superar unha operación cirúrxica cerebral á que foi sometido.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador en BDFutbol
Categoría:Nados en Ceuta Categoría:Nados en 1950 Categoría:Finados en 2012 Categoría:Futbolistas de Ceuta Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié B Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do CD Logroñés Categoría:Xogadores do Hércules CF