O Cineclub de Pontevedra ou Cineclube Pontevedra é unha asociación para a difusión da cultura cinematográfica, que organiza a proxección e comentario de determinadas películas na cidade de Pontevedra.

Historia O Cineclub de Pontevedra é o máis antigo dos cineclubs galegos. Foi fundado o 13 de xuño de 1954 como resposta ao crecente interese dos cidadáns da cidade polo cine. Proxectáronse catro filmes grazas a un préstamo da embaixada francesa: Farrebique ou As catro estacións (Georges Rouquier, 1946), Van Gogh (Alain Resnais, 1948), Versalles e as súas pantasmas (Jean Béranger, 1949) e Balzac (Jean Vidal, 1951). A súa sede estableceuse nas dependencias da Xefatura Provincial de Turismo de Pontevedra.

Na década dos 60, o cineclub organiza unhas xornadas sobre o novo cine español, nas que participa Carlos Saura. O cineclube tiña 500 socios.

En 1987 patrocinou a creación da Confederación de Cineclubs de España nun congreso celebrado no Teatro Principal de Pontevedra.

Nos últimos anos o cineclub de Pontevedra desenvolveu a súa programación habitual no Teatro Principal de Pontevedra. En ocasións tamén realiza proxeccións na Casa das Campás, no Liceo Mutante e na Biblioteca Pública de Pontevedra, onde tamén desempeña un papel didáctico.

Características É unha asociación sen ánimo de lucro e autofinanciada. O cineclub de Pontevedra organiza ao longo do ano ciclos de cine en versión orixinal sobre cine clásico e actual e outros en colaboración co Concello de Pontevedra sobre temáticas concretas como arquitectura, cine de mulleres, cine medieval ou cinema de rúa. O cineclub conta con 2000 películas na súa colección e ofrece un servizo de alugueiro de películas aos seus socios e un servizo de préstamo de libros sobre a sétima arte. Tamén ten un proxector de 16 mm que data da década de 1950. O cineclub de Pontevedra contaba no ano 2004 con 160 socios, o seu presidente é Ramón Poza.

O cineclub de Pontevedra tamén ofrece obradoiros de cine para asociacións culturais ou institucións educativas.

Recoñecementos No ano 2004 o cineclub recibiu o premio especial José Sellier da Academia Galega do Audiovisual.

En 2015 recibiu o Premio Cidade de Pontevedra 2014.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Web do Cineclube Pontevedra

Categoría:Cultura en Pontevedra Categoría:Cinema Categoría:Asociacións culturais de Galicia