A igrexa de Santiago de Pezós é a igrexa parroquial de Pezós, orixinalmente románica, como denota a ábsida; a súa bóveda está decorada con pinturas sobre a vida de Cristo. Ademais da ábsida, a igrexa componse dunha portada do século XV, unha capela lateral do XVII e outra fronte a ela do XIX. O edificio está construído con lousa revocada, reforzada nos recantos e ocos con perpiaños de pedra, e presenta tamén o teito de lousa.
Historia A igrexa probablemente remóntase ao século XIII, ao se construír a ábsida da igrexa. Nos séculos XV, XVII e XIX sufriu sucesivas reformas e ampliacións.
Morfoloxía A planta da igrexa semella unha cruz grega no interior, e o exterior ten forma cuadrangular. Os seus muros son de cachotería de lousa con reforzo nos recantos e ocos con perpiaños. O teito da nave principal é de dúas augas mentres que a das capelas é de tres.
A capela lateral situada ao norte, construída en 1638, está anexa á nave principal, éntrase nela por un arco de medio punto cuberto por unha bóveda de aresta nervada. Diante está a capela sur con teito plano.
O templo aloxa diversas tallas, unha pía bautismal, retablos do século XVIII e pinturas murais do século XV. Salienta o retablo da capela Villaamil Illano, obra de 1638 que se atribúe ao escultor da Mariña luguesa Pedro Sánchez de Agrela. Na portada occidental aparece o distintivo xacobeo da vieira o que ilustra a existencia de camiños secundarios ou alteracións no Camiño de Santiago.
Notas
Categoría:Pezós Pezós Pezos