Sviatlana Hieorhijeŭna Cichanoŭskaja (de apelido de solteira Pilipčuk; en ), nada o 11 de setembro de 1982 en Mikaševičy (rexión de Brest, RSS de Belarús) é unha política e activista de dereitos humanos belarusa, que acadou sona coas eleccións presidenciais de Belarús de 2020 como a principal candidata da oposición; proclamouse vencedora das eleccións consideradas fraudulentas, e exiliouse en Lituania.
Traxectoria Cichanoŭskaja é esposa do tamén activista Siarhiej Cichanoŭski, quen ía ser candidato naquelas eleccións, mais foi apresado polas forzas de seguridade do goberno o 29 de maio de 2020, o que motivou que Cichanoŭskaja asumira o seu lugar. Por mor de diversas ameazas recibidas, tivo que enviar aos seus fillos ao exterior.
O entón presidente Aliaksandr Lukašenka se declarou vitorioso nas eleccións, mais foi acusado de fraude electoral, manipulación e censura. Subseguintemente, Cichanoŭskaja reivindicou a vitoria nas eleccións, afirmando ter recibido entre o 60% e o 70% dos votos e pediu o recoñecemento da comunidade internacional.
Logo das eleccións do 9 de agosto de 2020, a oposición ao réxime de Lukašenka realizou protestas case diarias pedindo a renuncia do presidente. As forzas de seguridade responderon aos manifestantes con violencia, detencións arbitrarias e tortura. Cichanoŭskaja pediu que as protestas non parasen, mais condenou a violencia, pedindo tamén ás forzas de seguridade que desertaran do réxime. Poucos días despois das eleccións, tivo que saír do país, refuxiándose en Lituania. O 17 de agosto, Cichanoŭskaja anunciou que estaba a formar un goberno de transición para rivalizar con Lukašenka e manter a súa reivindicación da presidencia.
Desde entón, a oposición a Lukašenka pide apoio internacional e reivindica que outros países recoñezan a Cichanoŭskaja como presidente de Belarús. Dende entón, as autoridades da Unión Europea teñen recoñecido a Cichanoŭskaja de forma similar a un xefe de estado no exilio, como na súa alocución ao Consello de Europa ou o recoñecemento do Parlamento Europeo ao Consello Coordinador dirixido por ela como a "representación provisional do pobo de Belarús".
En decembro de 2020, Cichanoŭskaja recibiu o Premio Sakharov, o principal premio da Unión Europea. Foille entregado por David Sassoli, presidente do Parlamento Europeo, quen prestou homenaxe a ela e a toda a oposición belarusa.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Categoría:Nados en 1982 Categoría:Nados en Mikaševičy Categoría:Políticos de Belarús Categoría:Premio Sakharov