Riccardo Ferri, nado en Crema o 20 de agosto de 1963, é un exfutbolista italiano, que xogaba como defensa. Considerado como un dos mellores defensas da súa xeración, pasou a maior parte da súa carreira nas filas do Inter de Milán, co que xogou 418 partidos, gañando un campionato de Serie A, unha Copa de Italia, unha Supercopa de Italia e dúas Copas da UEFA. O seu segundo e derradeiro equipo foi a Sampdoria, na que militou dúas tempadas antes da súa retirada en 1996.

Entre 1986 e 1992 sumou 45 partidos e 4 goles coa selección italiana, coa que participou na Eurocopa de 1988 e no Mundial de 1990, rematando neste último no terceiro lugar. Ademais participou nos Xogos Olímpicos de 1984, onde acadou as semifinais.

Traxectoria Naceu en Castelnuovo, no municipio de Crema. Tras xogar no Capralbese, en 1977 ingresou na canteira do Inter de Milán. O 11 de outubro de 1981, aos 18 anos, debutou co primeiro equipo na Serie A, ante o Cesena. Dous anos despois era titular e vestiu a camisola nerazzurra ata 1994, durante un total de 13 tempadas. Viviu os seus mellores anos baixo a dirección de Giovanni Trapattoni, co que gañou o histórico scudetto da tempada 1988/89, no que o equipo bateu varios récords, así como a Supercopa de Italia en 1989 e a Copa da UEFA 1990/91, superando na final á Roma. Na tempada 1993/94 gañou unha segunda Copa da UEFA, derrotando na final ao Salzburgo. Disputou un total de 418 partidos coa camisola do Inter e anotou 8 goles.

En 1994 foi traspasado á Sampdoria xunto co seu compañeiro Walter Zenga, como parte do acordo que levou a Gianluca Pagliuca a Milán. Militou dúas tempadas co club xenovés, retirándose en 1996.

É xunto a Franco Baresi o futbolista con máis goles en propia porta na historia da Serie A, con 8, ata o punto de ser mencionado na canción "A che ora è la fine del mondo?" de Luciano Ligabue. Un dos seus autogoles anotouno nun derbi ante o Milan en 1987, que rematou 1-0 a favor dos rossoneri.

Selección italiana Participou coa selección italiana sub-21 en dúas Eurocopas sub-21, nas edicións de 1984 e 1986, perdendo esta última na final ante España. Disputou os Xogos Olímpicos de 1984 nos Ánxeles, baixo a batuta do seleccionador Enzo Bearzot, caendo en semifinais fronte ao Brasil.

Foi convocado por primeira vez para a selección absoluta por Azeglio Vicini, debutando o 6 de decembro de 1986, ante Malta, partido no que marcou o seu primeiro gol como internacional. Foi titular na Eurocopa de 1988 en Alemaña, onde Italia caeu nas semifinais ante a Unión Soviética. Foi tamén titular no Mundial de 1990, organizado por Italia, onde os anfitrións acabaron terceiros.

Coa chegada do novo seleccionador Arrigo Sacchi tivo menos protagonismo na selección, disputando o seu último partido o 6 de xuño de 1992, nun partido da US Cup fronte aos Estados Unidos en Chicago. Vestiu a camiseta azul un total de 45 veces, marcando 4 goles.

Despois da retirada Trala súa retirada adestrou os equipos xuvenís do Inter de Milán ata 1998, cando deixou o club por desacordos co presidente Massimo Moratti. Posteriormente traballou como comentarista en varias retransmisións deportivas de Mediaset e 7 Gold.

En maio de 2014 puxo en marcha xunto ao seu fillo Marco a Inter Academy Florida, unha escola de fútbol xuvenil nos Estados Unidos. O 15 de novembro de 2017 converteuse no novo responsable da área técnica do .

Características técnicas Defensor combativo e tenaz, estaba dotado dunha boa técnica de base, aínda que preferiu concentrarse máis na fase defensiva que na creación do xogo. Hábil na anticipación e no xogo aéreo, ás veces era o encargado de lanzar os tiros libres. Marco van Basten incluíno, xunto a Pietro Vierchowod, Jürgen Kohler e Giuseppe Bergomi, entre os mellores defensas que atopou durante a súa carreira.

Vida persoal O seu irmán máis vello Giacomo Ferri foi tamén futbolista e militou entre outros no Torino e no Lecce. O seu fillo Marco é modelo e participou en programas de televisión italianos como Uomini e donne, L'isola dei famosi, e tamén españois como Gran Hermano.

Palmarés Inter de Milán Serie A (1): 1988/89. Copa Italia (1): 1981/82. Supercopa de Italia (1): 1989. Copa da UEFA (2): 1990/91, 1993/94.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Ligazóns externas Datos do xogador en national-football-teams.com . Datos do xogador no sitio web do Comité Olímpico Internacional . Datos do xogador no sitio web da Federación Italiana de Fútbol .

Categoría:Nados na provincia de Cremona Categoría:Nados en 1963 Categoría:Futbolistas olímpicos de Italia Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do UC Sampdoria Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1984