dereita|miniatura|250x250px|Mapa dos pobos celtas. Os trinovantes ou trinobantes foron unha das tribos celtas que habitaron a Britania durante o período anterior á invasión romana. O seu territorio estendíase pola zona norte do río Támese, polas rexións de Essex e Suffolk, e incluía territorios que na actualidade localízanse no distrito de Gran Londres. O seu nome deriva dos prefixos celtras tri e novio, que nun sentido amplo, fai referencia ao vigor da tribo, polo que viría significar O pobo máis vigoroso. A súa capital foi a cidade de Camulodunum (a moderna Colchester), unha das localizacións propostas como a situación da lendaria cidade de Camelot.

Pouco antes da invasión da Britania por parte do exército romano dirixido polo xeneral Caio Xulio César (55 a. C. - 54 a. C.), os trinovantes eran considerados entre os pobos da Britania como a tribo máis poderosa da illa. Nesa época a capital desta tribo localizábase en Braughing (a moderna rexión de Hertfordshire). En moitos manuscritos que datan da época da guerra das Galias o seu rei menciónase co nome de Imanuentio, aínda que noutros omítese o nome. Nalgún momento antes de que se iniciase a segunda invasión de César á illa, este rei foi substituído por Casivellauno, que asumiu o mando da tribo dos catuvellaunos. O seu fillo, Mandubracio, fuxiu cara á protección que lle conferiría César na Galia. Durante esta segunda invasión, César derrotou a Casivellauno e restaurou a Mandubracio no trono. Casivellauno decidiu non volver oporse ao reinado de Mandubracio e permaneceu na sombra. O novo rei dos trinovantes aceptou a imposición de tributos.

O próximo rei dos trinovantes do que se teñen rexistros grazas aos xacementos numismáticos da rexión foi Adedomaro. Este rei gobernou os trinovantes entre os anos 20 e 15 a. C., e a súa acción máis importante foi o traslado da capital a Camulodunum. Por un breve período, aproximadamente no ano 10 a. C., Tasciovano, rei dos catuvellaunos, acuñou moedas desde a capital trinovantiana, o que suxire que este pobo fora conquistado polos catuvellaunos, pero que non tardarían en expulsalos, quizais grazas á axuda de Roma. A inscrición Rex eliminouse das moedas e Adedomaro foi restaurado no trono. Á súa morte, Adedomaro foi sucedido polo seu fillo Dumnovellauno (10-5 a. C., mais uns poucos anos máis tarde a tribo foi conquistada de novo, esta vez polo fillo de Tasciovano, Cunobelino. Mandubracio, Adedomaro e Dumnovellauno aparecen en diversas ocasións nas lendas medievais britanas.

Os trinovantes volven aparecer na historia tras uns anos na escuridade cando participaron na Rebelión da Raíña Boudica contra o Imperio romano en 60, participando ao lado insurxente na batalla de Watling Street que finalizou a rebelión. O seu nome é mencionado como unha das civitates da provincia romana da Britania, con capital en Caesaromagus (moderna Chelmsford, Essex).

O seu nome sobreviviu na lenda medieval británica como Trinovantum, o suposto nome orixinal de Londres, na obra de Godofredo de Monmouth Historia Regum Britanniae e noutras. Godofredo alega que o nome procede de Troi-novantum ou "Nova Troia", establecendo a relación coa lenda de que Britania foi fundada por Bruto de Inglaterra e outros refuxiados da guerra de Troia.

Véxase tamén Bibliografía

Xulio César, De Belo Gallico César Augusto, Res Gestae Divi Augusti Tácito, Anais Godofredo de Monmouth, Historia Regum Britanniae

Ligazóns externas Trinovantes en roman-britain.co.uk Trinovantes en Romans in Britain

Categoría:Celtas