Francisco Aramburu, máis coñecido como Chico, nado en Uruguaiana, Río Grande do Sur, o 7 de xaneiro de 1922 e finado no Río de Xaneiro o 1 de outubro de 1997, foi un futbolista brasileiro que xogaba de dianteiro. Militou durante case toda a súa carreira no Vasco da Gama e foi internacional coa selección brasileira, coa que se proclamou subcampión do mundo en 1950, tras perder ante o Uruguai no coñecido como Maracanazo.
Traxectoria Coñecido como Chico, hipocorístico de Francisco, comezou a súa carreira como futbolista en 1939, aos 17 anos, no EC Ferro Carril, da súa vila natal. Un ano máis tarde trasladouse á capital do estado, Porto Alegre, onde defendeu a camiseta do Grêmio. En 1942 foi fichado polo Vasco da Gama, na entón capital do país, Río de Xaneiro.
Chegou ao club carioca ao mesmo tempo que o adestrador uruguaio Ondino Viera e alí formou parte do equipo coñecido como o Expresso da Vitrória, xunto a futbolistas como Barbosa, Augusto, Friaça, Ademir de Menezes, Lelé, Isaías ou Jair da Rosa Pinto. Militou durante 12 anos no Vasco, marcando 127 goles en 289 partidos, e protagonizou destacados duelos ante Biguá, centrocampista do Flamengo. Gañou co club cinco Campionatos Cariocas e o Campionato Suramericano de Campións de 1948, considerado o precursor da Copa Libertadores.
Pechou a súa carreira no Flamengo, co que só chegou a disputar partidos amigables.
Selección brasileira Debutou coa selección brasileira en decembro de 1945 en São Paulo, na serie de partidos da Copa Roca ante a Arxentina. O equipo brasileiro perdeu 3–4 no partido inicial, pero uns días despois resarciuse goleando por 6–2 no Estádio São Januário, o estadio do Vasco. Chico contribuíu cun gol nesa contundente vitoria, que foi a maior goleada do equipo brasileiro ante o seu máximo rival en toda a historia. Finalmente o Brasil conseguiu o trofeo ao gañar por 3-1 no partido decisivo. Participou no Campionato Suramericano de 1946, onde quedou subcampión. Gañou coa selección as Copas Rio Branco de 1947 e 1950.
Foi parte do cadro de xogadores brasileiros que disputou o Mundial de 1950, o primeiro celebrado no seu propio país, torneo no que xogou catro partidos, marcando catro goles. Foi titular no famoso partido final contra o Uruguai no Maracanã, no que o Brasil perdeu inesperadamente, pasando aquel encontro á historia co nome de "Maracanazo". Foi o terceiro máximo goleador do torneo, só por detrás do seu compañeiro Ademir e do uruguaio Óscar Míguez.
Trala súa retirada traballou como taxista. Faleceu no Río de Xaneiro o 1 de outubro de 1997.
Palmarés Vasco da Gama Campionato Carioca (5): 1945, 1947, 1949, 1950, 1952. Campionato Suramericano de Campións (1): 1948.
Selección brasileira Copa Roca (1): 1945. Copa Rio Branco (2): 1947, 1950.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Datos do xogadorno sitio web da Confederación Brasileira de Fútbol . Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2009. Datos do xogador no sitio web do Flamengo .
Categoría:Nados en 1922 Categoría:Nados no estado do Río Grande do Sur Categoría:Finados en 1997 Categoría:Brasileiros de ascendencia vasca Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Grêmio Foot-Ball Porto Alegrense Categoría:Xogadores do Vasco da Gama Categoría:Xogadores do Flamengo Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1950