Joaquim Rodrigues dos Santos Júnior, coñecido como Joaquim Santos Júnior ou só como Santos Júnior, nado en Vila Frescainha (Barcelos) o 22 de maio de 1901 e finado en Águas Santas (Maia) o 12 de marzo de 1990, foi un profesor universitario e investigador portugués.
Traxectoria
Formación e carreira profesional Licenciouse en Ciencias Histórico-Naturais na Facultade de Ciencias da Universidade do Porto e en Medicina en 1932. Exerceu a medicina durante moi pouco tempo, téndose dedicado ao ensino e á investigación. Foi nomeado axudante da cátedra de Antropoloxía en 1932 e doutorouse en 1944, facendo o exame de Profesor Extraordinario en 1948. Entre 1936 e 1956 realizou varias misións de investigación en Mozambique, labor pioneira pola que segue a ser lembrado. miniatura|Joaquim Rodrigues dos Santos Júnior e Judite Campos en Mozambique en 1938. Nunha das diversas misións de estudo antropolóxico a África, entre os anos 1936 e 1948, cando quería cazar unha rara bolboreta, sufriu unha grave caída que lle provocou certa xordeira, polo que comezou a utilizar un audiófono, ademais dunha incapacidade permanente nunha perna, que o obrigaba a camiñar apoiado nun bastón.
Mantivo unha continuada relación con Galiza e unha extensa correspondencia con intelectuais galegos da súa época, como Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo, Antón Fraguas, Xosé Filgueira Valverde, Vicente Risco ou Fermín Bouza-Brey (a quen parafraseou e dedicou a súa obra Paremiologia jurídica galaico-portuguesa) tanto na Segunda República como despois durante o franquismo.
Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e académico de honra da Real Academia Galega,
Obra Discípulo e continuador de Mendes Correia, foi director do Instituto de Antropoloxía da Universidade do Porto, que leva o nome daquel profesor. Ten publicados ducias de artigos académicos e varios traballos sobre Antropoloxía, Etnografía, Prehistoria e Zooloxía en particular. Algúns destes artigos tiveron lugar na cidade de Maia, destacando o descubrimento e as primeiras referencias, tanto en Portugal como no estranxeiro, á Pedra Partida de Ardegães, que contén, por unha banda, inscricións admitidas como prehistóricas. En Caldas Santas de Carvalhelhos, balneario que frecuentaba con relativa asiduidade, para descanso e tratamento e onde era amigo do seu director clínico, Augusto Gonçalves Moreno, a quen coñecera na Facultade de Medicina, descubriu un castro romano cuxas escavacións dirixiu persoalmente iniciándoas pola súa conta e só despois obtendo unha pequena subvención do Estado.
Sociedades Foi membro distinguido da Sociedade Portuguesa de Antropoloxía e Etnoloxía, da Sociedade de Xeografía de Lisboa, da Asociación Portuguesa de Arqueólogos, da Sociedade Martins Sarmento, do Seminario de Estudos Galegos, da Real Academia Galega, do Institut International d'Anthropologie e da Société Etnographique de Paris.
Morte Morreu en 1990, en Águas Santas, no concello de Maia, na casa na que sempre viviu cando estaba en Portugal. Foi un profesor esixente e unha personalidade notábel que sempre destacou pola súa sinxeleza e simpatía unidas a unha sólida cultura. O seu nome figura na lista de colaboradores da revista Feira da Ladra (1929-1943)
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Joaquim Santos Júnior, Antigo Estudante da Facultade de Ciencias da Universidade do Porto Estudo antropológico e etnográfico da população de S. Pedro (Mogadouro)
Categoría:Alumnos da Universidade do Porto Categoría:Nados en Barcelos Categoría:Finados en 1990 Categoría:Nados en 1901 Categoría:Membros de honra da Real Academia Galega Categoría:Membros do Seminario de Estudos Galegos Categoría:Antropólogos de Portugal Categoría:Médicos de Portugal