A Finalissima 2022 foi a terceira edición da Copa de Campións CONMEBOL–UEFA, un partido de fútbol entre os gañadores da última Copa América e a última Eurocopa. O partido enfrontou a Italia, gañadora da Eurocopa de 2020 (celebrada en 2021), contra a Arxentina, gañadora da Copa América 2021. Xogouse no estadio de Wembley de Londres, o 1 de xuño de 2022. O partido, un renacemento da antiga Copa Artemio Franchi disputada por última vez 29 anos antes, foi organizado pola UEFA e a CONMEBOL como parte dunha renovada colaboración entre as dúas confederacións. A selección arxentina conseguiu a vitoria por 3-0, facéndose así co seu segundo título.
Contexto En 1985 e 1993, os vencedores dos torneos da Eurocopa e da Copa América disputaron a Copa Artemio Franchi, un torneo a partido único organizado pola UEFA e a CONMEBOL. Era a competición de seleccións nacionais equivalente á Copa Intercontinental de clubs, disputada entre os gañadores da Copa de Europa/Liga de Campións da UEFA e da Copa Libertadores. A selección de Francia gañou a edición de 1985 en París, mentres que a Arxentina gañou o partido de 1993 en Mar del Plata. Con todo, a competición interrompeuse tras esa segunda edición. A Copa Artemio Franchi pódese considerar un antecedente da Copa do Rei Fahd/Copa Confederacións da FIFA, disputada por primeira vez en 1992 e organizada pola FIFA desde 1997, que enfrontaba aos campións dos torneos continentais e da Copa do Mundo da FIFA. Dita competición foi abolida trala edición de 2017.
O 12 de febreiro de 2020, a UEFA e a CONMEBOL asinaron un novo memorando de entendemento, co obxectivo de mellorar a cooperación entre as dúas organizacións. Como parte do acordo, unha comisión mixta da UEFA e da CONMEBOL examinou a posibilidade de organizar partidos intercontinentais entre Europa e América do Sur, tanto para o fútbol masculino como para o feminino e entre varios grupos de idade. O 28 de setembro de 2021, a UEFA e a CONMEBOL confirmaron que os gañadores da Eurocopa e da Copa América se enfrontarían nun partido intercontinental, cun acordo que abarcaría inicialmente tres edicións a partir de 2022. O 15 de decembro de 2021, a UEFA e a CONMEBOL asinaron de novo un memorando de entendemento renovado ata 2028, que incluía disposicións específicas sobre a apertura dunha oficina conxunta en Londres e a posible organización de varios eventos de fútbol. Confirmouse que o partido tería lugar no estadio de Wembley de Londres o 1 de xuño de 2022. Ademais anunciouse que o novo nome da Copa Artemio Franchi sería "Copa de Campións CONMEBOL–UEFA".
Equipos Equipo Confederación Cualificación Participacións previas(en negra gañadores) Clasificación FIFA(marzo 2022) UEFA Gañadores da Eurocopa de 2020 Ningún 6 CONMEBOL Gañadores da Copa América 2021 1 (1993) 4 Italia clasificouse para o partido grazas á súa vitoria na Eurocopa de 2020 (celebrada en 2021), na que derrotou a Inglaterra na quenda de penaltis da final, tamén celebrada en Wembley, no que foi o segundo título da Eurocopa para o conxunto italiano. Arxentina clasificouse ao gañar a Copa América 2021, derrotando na final ao Brasil por 1-0, conseguindo o seu 15º título da Copa América e o primeiro en 28 anos.
Sede alt=Wembley Stadium|miniatura|250x250px| Estadio de Wembley de Londres, sede do partido O partido celebrouse no estadio de Wembley de Londres, Inglaterra. O estadio de Wembley foi inaugurado en 2007, no lugar do estadio orixinal, cuxa demolición tivo lugar entre 2002 e 2003. Propiedade da Asociación Inglesa de Fútbol (FA), serve como estadio nacional de fútbol de Inglaterra. O estadio foi sede da Eurocopa 2020 e albergou a final desta, gañada por Italia nos penaltis ante a propia Inglaterra. O estadio orixinal, antes coñecido como Empire Stadium, abriu en 1923 e acolleu partidos do Mundial de 1966, entre eles a final, na que Inglaterra derrotou a Alemaña Occidental por 4-2 despois da prórroga. Albergou tamén partidos da Eurocopa de 1996, incluíndo a final, na que Alemaña derrotou á República Checa. Wembley tamén acolle a final anual da FA Cup dende 1923 (excepto nas edicións de 2001 a 2006, cando o estadio estaba sendo reconstruído).
Cadros de xogadores As dúas seleccións tiveron que presentar un cadro de xogadores de 23 membros, dos cales tres debían ser porteiros, antes do 29 de maio de 2022, tres días antes do partido.
Italia Italia anunciou un equipo preliminar de 39 homes o 23 de maio de 2022. O 27 de maio ampliouse a 45 xogadores, con oito futbolistas máis, mentres que Domenico Berardi e Andrea Pinamonti quedaron fóra da lista por lesión. O equipo definitivo anunciouse o 30 de maio.
Arxentina A Arxentina anunciou un primeiro equipo de 35 homes o 13 de maio de 2022. O 20 de maio reduciuno a 29 xogadores. O equipo definitivo anunciouse o 1 de xuño.
Previa do partido
Identidade O 22 de marzo de 2022 a UEFA revelou que o nome do partido sería Finalissima ("finalísima" en italiano). O logotipo baséase na coroa de loureiro, símbolo de excelencia e vitoria. Presenta cintas coas cores das nacións competidoras, a Tricolore de Italia á esquerda e a Albiceleste da Arxentina, que se unen arredor do trofeo da competición. Ademais, conta con varias cintas en platino e ouro, os metais máis preciosos, destinadas a resaltar o significado do partido. Segundo a UEFA, os lazos "simbolizan os fortes vínculos entre a CONMEBOL e a UEFA, e o seu compromiso co desenvolvemento do fútbol máis aló das súas zonas xeográficas".
Entradas A capacidade do estadio foi de 86.000 espectadores para o partido, con entradas vendidas aos afeccionados e ao público en xeral por orde de chegada a través de UEFA.com . Dispoñibles a partir do 24 de marzo de 2022, as entradas estaban dispoñibles en catro categorías de prezos: 25 £, 40 £, 55 £ e 99 £.
Árbitros O 30 de maio de 2022, anunciouse que o árbitro do partido sería o chileno Piero Maza, de 37 anos, designado conxuntamente pola CONMEBOL e a UEFA. Maza é árbitro da FIFA desde 2018, aínda que o partido foi o seu primeiro encontro internacional sénior como árbitro. Con todo, Maza xa actuara anteriormente como cuarto árbitro e asistente de VAR na Copa América 2019, así como como no VAR da Copa Mundial Sub-17 de 2019. Acompañárono como xuíces de liña os seus compatriotas Christian Schiemann e Claudio Ríos. O árbitro español Jesús Gil Manzano exerceu como cuarto árbitro, sendo os seus compatriotas Alejandro Hernández Hernández e Juan Martínez Munuera dous dos encargados do VAR. O portugués Tiago Martins foi o outro asistente do VAR.
Partido
Detalles
PO 21 Gianluigi Donnarumma LD 2 Giovanni Di Lorenzo DF 19 Leonardo Bonucci DF 3 Giorgio Chiellini (c.) LE 13 Emerson MD 8 Jorginho MC 12 Matteo Pessina MC 18 Nicolò Barella ED 10 Federico Bernardeschi DC 9 Andrea Belotti EE 22 Giacomo RaspadoriSubstitucións:DF 6Manuel Lazzari DI 17Gianluca Scamacca CC 5Manuel Locatelli DF 4Leonardo Spinazzola DF 23Alessandro Bastoni Adestrador: Roberto Mancini300px PO 23 Emiliano Martínez LD 4 Nahuel Molina DF 13 Cristian Romero DF 19 Nicolás Otamendi LE 3 Nicolás Tagliafico MD 18 Guido Rodríguez MC 20 Giovani Lo Celso MC 7 Rodrigo De Paul ED 10 Lionel Messi (c.) DC 22 Lautaro Martínez EE 11 Ángel Di María Substitucións:CC 14Exequiel Palacios DF 6Germán Pezzella DI 9Julián Álvarez CC 15Nicolás González DI 21Paulo Dybala Adestrador: Lionel Scaloni
Xogador do partido: Lionel Messi
Árbitros asistentes: Christian Schiemann Claudio Ríos Cuarto árbitro: Jesús Gil Manzano Árbitro principal VAR: Alejandro Hernández Hernández Árbitros asistentes VAR: Juan Martínez Munuera Tiago Martins |}Regras do partido 90 minutos Quenda de penaltis en caso de empate Máximo de doce suplentes no banco Máximo de cinco substitucións, con só tres oportunidades para facer substitucións durante o tempo de xogo, excluíndo as substitucións feitas no descanso.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Sitio web oficial .
Categoría:Partidos da selección de fútbol da Arxentina Categoría:Partidos da selección de fútbol de Italia Categoría:Copa de Campións CONMEBOL-UEFA Categoría:Fútbol en 2022 Categoría:Fútbol en Inglaterra