O arneirón do xibardo (Coronula diadema) é unha especie de arneirón das baleas que aparece en xibardos ou outras especies de baleas. Xa aparece descrita por Linneo na súa duodécima edición de Systema naturæ de 1767.

Descrición Como o seu nome indica, Coronula diadema parece unha coroa, pero ao crecer faise máis cilíndrica; os espécimes grandes chegan a 5 cm de alto e 6 cm de diámetro. Consta de seis placas rodeando un orificio hexagonal superior protexido por un par de opérculos. As placas teñen finas estrías lonxitudinais e a metade inferior adoita ter estriacións transversais irregulares.

Distribución e hábitat C. diadema encóntrase na pel das baleas. Ao falar desta especie, o zoólogo Charles Darwin (quen dedicou gran parte da súa carreira aos cirrípedes), dixo que coñecía catro sitios onde se encontrara a especie, os mares árticos arredor de Escandinavia, a costa leste de Norteamérica, cerca das Illas Británicas e na Corrente do Golfo. Outra posible localización era Nova Zelandia, pero Darwin dixo que se trataba de Coronula reginae.

Os seus hóspedes son normalmente baleas, isto é, cetáceos con barbas, especialmente a balea xibardo (Megaptera novaengliae), onde se adhiren á cabeza, ás aletas, en sucos e pola zona xenital. Este arneirón tamén foi encontrado na balea azul (Balaenoptera musculus), na balea franca austral (Eubalaena australis), no rorcual común (Balaenoptera physalus), no cachalote (Physeter macrocephalus) e no zifio caldeirón (Hyperoodon ampullatus).

Ciclo vital A maioría dos arneiróns son hermafroditas con fertilización cruzada, e necesitan estar moi apiñados para reproducirse. O individuo que actúa de macho estende o seu longo pene para impregnar a cavidade doutro individuo próximo, así fecúndao e nel desenvólvese o embrión até a primeira muda, cando a flotante larva nauplius orixinada forma parte do plancto e pasa á fase cipris tras seis mudas, cando xa non se alimenta. Hai experimentos en laboratorio que suxiren que a larva cipris é inducida a iniciar a metamorfose a arneirón xuvenil en resposta a sinais químicos da pel das baleas hóspedes.

Galería

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Crustáceos Categoría:Taxons descritos por Linné Categoría:Animais descritos en 1767