Raimo Ilmari Helminen, alcumado Raipe ou Maestro, nado o 11 de marzo de 1964 en Tampere (Finlandia) é un adestrador e xogador de hóckey sobre xeo retirado finlandés, que xogaba na posición de centro. Helminen xogou na SM-liiga nun só equipo, o Ilves de Tampere. Ademais xogou nos Estados Unidos nos New York Rangers, Minnesota North Stars e New York Islanders da National Hockey League (NHL), así como en Suecia nos Malmö Redhawks. Ademais de gañar o campionato do mundo, Helminen gañou os campionatos finlandés e sueco, así como a Copa de Europa. Logo da súa carreira como xogador ten adestrado a selección finlandesa sub-20, a Ilves, ao equipo da KHL Barys Astana e á selección de Kazakhstán. Entre 2016–2019 Helminen exerceu de adestrador asistente de Jokerit na KHL, mentres que na tempada 2020–21 asinou un contrato co TPS de Turku como adestrador xefe.

Helminen xogou a nivel de clubs como profesional durante 26 anos. Comezou na SM-liiga na tempada 1982–83, e a súa derradeira tempada foi a 2007–08. É considerado un emblema de Ilves. Helminen xogou 331 partidos coa selección finlandesa, polo que xogou máis partidos co seu equipo nacional que ningún outro xogador do mundo. Helminen xogou coa selección finlandesa 19 torneos de valor, entre os cales hai seis Xogos Olímpicos. Coa selección finlandesa gañou seis medallas nos campionatos do mundo e tres medallas olímpicas.

Helminen foi coñecido como xogador, principalmente como director de xogo, e en moitas ocasións asistía aos seus compañeiros antes que tentar el mesmo o lanzamento. É recordado tamén como unha persoa modesta e tranquila, que non dicía moitas palabras nas entrevistas. Logo da súa carreira como xogador recibiu numerosos recoñecementos: foi escollido para o salón da fama do hóckey sobre xeo finlandés, Ilves retirou o seu número (41), e a selección finlandesa retirou tamén o número 41 no seu honor. A súa carreira viuse ensombrecida polas ambigüidades fiscais xurdidas durante os seus anos en Malmö.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en 1964 Categoría:Xogadores de hóckey sobre xeo olímpicos de Finlandia Categoría:Nados en Tampere Categoría:Xogadores de Ilves (hóckey sobre xeo) Categoría:Xogadores dos New York Rangers Categoría:Xogadores dos Minnesota North Stars Categoría:Xogadores dos New York Islanders Categoría:Personalidades do salón da fama do hóckey sobre xeo (Finlandia)