José Antonio Arán Trillo nado o 1 de febreiro de 1936 en Santiago de Compostela e finado na mesma cidade o 16 de agosto de 2018, foi un médico e, por breve tempo, político galego.
Traxectoria Formación Arán Trillo realizou os seus estudos primarios e secundarios primeiro na academia Zubeldía da Carreira do Conde e despois no colexio Sciencia, cursado a Licenciatura en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, etapa na que foi membro da tuna, onde fortaleceu a súa vocación musical, que cultivou posteriormente tocando o contrabaixo.
Actividades na medicina Especializado en obstetricia e xinecoloxía abriu unha consulta particular en Santiago. Con ideas avanzadas da súa especialidade —mostrouse sempre partidario do control da natalidade e dos medios anticonceptivos—, contabilizou até inicios da década de 1990 todos os partos que atendera, vinte mil en máis de trinta anos de profesión. Tamén desempeñou cargos directivos no Colexio Médico a na Academia Médico Cirúrxica de Santiago, así como no Consello Xeral do Colexio Médico de España.
Actividades na política Despois da morte de Franco foi un dos homes da máxima confianza de Adolfo Suárez en Galicia, primeiro a Unión de Centro Democrático, partido do que foi presidente en Santiago, e despois no Centro Democrático e Social, como máximo responsábel en Galicia. Na última etapa do CDS, coa figura política do expresidente do Goberno en decadencia e tras sucesivos reveses electorais que, segundo el mesmo recoñeceu, lle deixaran «un poso de decepción», Arán Trillo abandonou a política pese a ter ofertas para continuar en activo noutras formacións.
Vida familiar José Antonio Arán Trillo estivo casado con Isabel Román García coa que tivo catro fillos: Eduardo (médico), Javier (biólogo), Jorge (piloto) e Sabela (actriz).
Notas
Véxase tamén Bibliografía Feliciano Barrea, ed. (2002): Gallegos: quién es quien en la Galicia del siglo XXI. Santiago de Compostela: Editorial Compostela. ISBN 84-8084-113-4.
Categoría:Médicos de Santiago de Compostela Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1936 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Finados en 2018
Categoría:Personalidades sen imaxes