Ethan Happ, nado o 7 de maio de 1996 en Milan, Illinois, é un xogador de baloncesto profesional estadounidense. Formado na Universidade de Wisconsin, é un dos únicos seis xogadores da NCAA en rexistrar, polo menos, 2000 puntos, 1000 rebotes e 400 asistencias. Cunha altura de 2,08 m, pode xogar nas posicións de pivote e ala-pivote. Actualmente xoga no Valencia Basket da Liga ACB.
Traxectoria Nado en Milan, Illinois, Happ xogou ao baloncesto no Instituto Rockridge, para posteriormente finalizar a súa formación na Universidade de Wisconsin. Happ foi titular en todos os xogos durante a súa primeira temporada cos Badgers, sendo nomeado mellor freshman da Conferencia Big Ten. En 2019 converteuse no primeiro xogador en 25 anos en conseguir 2000 puntos e 1000 rebotes na conferencia, sendo un dos únicos seis de toda a historia do baloncesto universitario en conseguir esta marca alén de 400 asistencias. Na súa última temporada fixo unha media de 17,9 puntos, 10,3 rebotes, 1,0 asistencias e 1,2 tapóns por partido, sendo o único xogador da NCAA en liderar ao seu equipo nestes cinco apartados estatísticos.
Despois de non ser drafteado en 2019, Happ asina co Olympiacos grego, equipo co que debuta na Euroliga. Porén, esa temporada é cedido ao Vanoli Cremona da LBA, máxima categoría do baloncesto italiano. Neste equipo fai unha media de 18,3 puntos, 9,3 rebotes e 2,5 asistencias por partido. O seu rendemento sérvelle para asinar na temporada seguinte co Fortitudo Bologna, equipo italiano da Basketball Champions League. En Boloña fai unha media de 13,6 puntos, 9,3 rebotes e 3,2 asistencias por partido na liga local e 19,0 puntos, 10,0 rebotes e 3,0 asistencias na Champions League. Con todo, unha lesión no cóbado impídelle dipsutar o comezo da seguinte temporada. Após superar a lesión, en xaneiro asina polo Dinamo Sassari, onde fai unha media de 10,0 puntos, 5,6 rebotes e 2,2 asistencias por partido na liga italiana e 11,8 puntos, 6,3 rebotes e 2,5 asistencias na Champions League. Despois doutra lesión, en xaneiro de 2022 asina polo Riesen Ludwigsburg da Basketball Bundesliga, onde fai unha media de aproximadamente 9 puntos, 7 rebotes e 3 asistencias por partido na liga local e na Champions League. O 8 de xullo de 2022 anúnciase a súa fichaxe polo Río Breogán da Liga ACB.
Clubs Ao longo da súa carreira, Happ ten xogado para os seguintes equipos profesionais: Olympiacos (Euroliga, 2019) Vanoli Cremona (LBA, 2019–2020) Lavoropiù Fortitudo Bologna (LBA / BCL, 2020−2021) Dinamo Banco di Sardegna Sassari (LBA / BCL, 2021) MHP Riesen Ludwigsburg (BBL / BCL, 2022) Río Breogán (ACB / BCL, 2022−2023) Dreamland Gran Canaria (ACB / Eurocup, 2023−2024) Valencia Basket (ACB / Eurocup, 2024−presente)
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Perfil en Sports Reference Perfil en Proballers
Categoría:Nados en 1994 Categoría:Pivotes de baloncesto Categoría:Nados en Illinois Categoría:Xogadores de baloncesto dos Estados Unidos de América Categoría:Xogadores do Olympiacos BC Categoría:Xogadores do Guerino Vanoli Basket Categoría:Xogadores do Fortitudo Bologna Categoría:Xogadores do Dinamo Basket Sassari Categoría:Xogadores do Riesen Ludwigsburg Categoría:Xogadores do Club Baloncesto Breogán Categoría:Xogadores do CB Gran Canaria Categoría:Xogadores do Valencia BC Categoría:Xogadores de baloncesto da ACB