Arjeplog é un municipio sueco (kommun) do condado de Norrbotten, no landskap de Lappland. A súa capital é Arjeplog. En decembro do ano 2024 o concello tiña unha poboación de 2 599 habitantes.
No municipio atópanse varias montañas e a paisaxe tamén é rica en lagos. En Arjeplog está tamén o glaciar máis grande de Suecia. As industrias máis importantes son o turismo e as actividades de probas de inverno de automóbiles.
O municipio de Arjeplog é o que menos poboación ten no condado de Norrbotten e o concello perde habitantes. Os socialdemócratas foron o partido máis votado en todas as eleccións e sempre gobernaron no municipio, tanto en solitario como en coalición con outros partidos.
Xeografía O municipio limita ao norte co concello de Jokkmokk, ao leste co de Arvidsjaur e ao sur co de Sorsele. Ao oeste limita cos municipios noruegueses de Fauske, Saltdal e Rana.
O concello de Arjeplog é o cuarto máis grande de Suecia en extensión, sendo un pouco máis grande que o landskap de Escania. Só os municipios de Kiruna, Gällivare e Jokkmokk son máis grandes.
Topografía e hidrografía O núcleo urbano de Arjeplog está rodeado de auga e montañas. No centro do municipio atópase Öberget, con vistas sobre a localidade, e tamén sobre Renberget e Akkelis. O macizo de Sulitelma no noroeste do concello alberga o glacial máis grande de Suecia, o Sállajiegŋa, e o punto máis alto do municipio, o Stortoppen, a 1860 metros sobre o nivel do mar.
No concello de Arjeplogs hai 8 727 lagos e cursos de auga, sendo o municipio sueco máis rico en auga. Entre os cursos de auga atópanse os ríos Pite, Skellefte e Laisälven. O lago máis profundo de Suecia, o Hornavan, forma parte do sistema de lagos Skellefteälven. Un interesante lago con rica vida de aves é o Tjålmejaure. Toda a auga do sistema de lagos de Arjeplog é potable.
Flora A flora no concello de Arjeplog está formada principalmente por flora de montaña. Dentro do municipio hai varias plantas protexidas.
Conservación da natureza No ano 2021 había 25 reservas naturais no concello, das cales os bosques de montaña de Hornavan-Sädvajaure e de Laisdalens son as maiores reservas do condado. Ademais, no concello atópase o parque nacional de Pieljekaise, que inclúe a montaña do mesmo nome que alcanza os 1 138 metros sobre o nivel do mar.
Galtispuoda, co seus 800,2 metros sobre o nivel do mar, é ademais dunha reserva natural unha popular estación de esquí. Con bo tempo pódese ver os catro concellos veciños de Sorsele, Jokkmokk, Arvidsjaur e Saltdal, este último en Noruega.
Divisións administrativas Para asuntos de informes de poboación o concello está formado por unha única área que antes de 2016 era a congregación de Arjeplog e dende o 1 de xaneiro dese ano é o distrito de Arjeplog.
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Norrbotten