Ramón Guerreiro Gómez, nado en Viveiro en 1912 e finado o 8 de maio de 1948, foi un político e guerrilleiro antifranquista galego.
Traxectoria Membro das Juventudes Socialistas de España, ingresou no Partido Comunista en 1934. Na primavera de 1936 estaba en Córdoba xunto coa súa compañeira Leonor Estévez Varela, onde asistiu á fundación na provincia das Juventudes Socialistas Unificadas (JSU) das que foi o seu secretario provincial. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, a ocupación de Córdoba polas tropas rebeldes obrigouno a agocharse na casa de Francisco García González, destacado membro das JSU. Semanas máis tarde, ao parecer cruzando o río Guadalquivir a nado, pasou á zona republicana e incorporouse ao batallón Bautista Garcet. Participou no Congreso da JSU celebrado en Pozoblanco en setembro de 1936. Posteriormente foi asignado ao Servizo de Información Militar (SIM), foi trasladado á fronte de Aragón e, máis tarde a Cataluña, desde onde se exiliou en Francia coa derrota da República.
Durante a Segunda guerra mundial incorporouse á guerrilla antifranquista actuando no interior do País Valenciano e Aragón, co nome de Julio. Membro da dirección do Partido Comunista, foi detido en marzo de 1943 e entregou a casa onde se reunían con Jesús Bayón e "La Chon"; como resultado caeron Bayón, Agapito del Olmo, Hipólito Peralta e outros membros da dirección. Conseguiu escapar da prisión de Madrid o 14 de marzo de 1944 xunto con Calixto Pérez Doñoro e Jesús Bayón. A partir dese momento, actuou como guerrilleiro na zona da provincia de Cidade Real, onde fundou a Segunda Agrupación Guerrilleira, de curta duración ao ser rexeitado como comandante polos guerrilleiros socialistas. A pesar diso creou outra pequena unidade que actuou na mesma zona ata 1948, cando foi detido en Piedrabuena ao ser traizoado polo guerrilleiro “Pedro el Cruel” (Vicente Rubio Babiano), para ser fusilado o 8 de maio dese ano en aplicación da pena de morte imposta en rebeldía en 1943 contra a cúpula do Partido Comunista.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Casanova, Julián (2008). Morir, matar, sobrevivir: la violencia en la dictadura de Franco. Barcelona: Ed. Crítica pp. 334–335 Fernández Rodríguez, Carlos (2006). "Madrid, ciudad clandestina". Cuadernos de Historia Contemporánea 26, pp 126 – 142.
Moreno Gómez, Francisco (2008). "La guerra perdida de los maquis", en Resistencia y cautiverio en Castilla - La Mancha. Revista Añil. Moreno Gómez, Francisco (2008). 1936: el genocidio franquista en Córdoba. Barcelona: Ed. Crítica. . pp. 723.
Ligazóns externas
Ficha en Memoria Democrática
Categoría:Políticos do PCE Categoría:Militares de Galicia Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados en Viveiro Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 1948