O Fútbol Club Torpedo Moscova (en ), é un club de fútbol ruso con sede en Moscova, que milita na Liga Premier de Rusia. Fundado en 1924, é historicamente un dos grandes clubs de Moscova e tivo o seu período de maior éxito durante a época soviética, coroándose campión de tres ligas soviéticas e de seis Copas da URSS. O seu último grande éxito foi o triunfo na primeira edición da Copa de Rusia, que conquistou en 1993. Mantívose durante case sete décadas na máxima categoría do fútbol do país (primeiro da URSS e logo de Rusia), ata que sufriu o primeiro descenso da súa historia en 2006. Dende entón militou maioritariamente na segunda e terceira divisións de Rusia.
As súas cores son o branco e o negro, aínda que o club tamén se asocia habitualmente co verde.
Historia O Torpedo Moscova foi fundado en 1924 en Moscova, no seo da fábrica de automóbiles AMO, tomando como base o xa existente Proletarskaya Kuznitsa. Militou na Liga de Moscova ata 1936 cando se converteu nun dos membros fundadores da Liga 'B' soviética e cambiou o seu nome a Torpedo Moscova. En 1938 ascendeu á Liga 'A', a máxima categoría do fútbol soviético.
En 1945 rematou a liga en terceiro lugar, por detrás doutros dous clubs moscovitas, o Dinamo e o CSKA, e ao ano seguinte o seu dianteiro Oleksandr Ponomarev coroouse como máximo goleador do campionato, no que o Torpedo acabou cuarto. Continuou ocupando as posicións altas da táboa nos seguintes anos, no que pasaron polo equipo xogadores como Iurii Chaiko, Antonin Sochnev, Anatolii Akimov ou o vasco Agustín Gómez. En 1947 o Torpedo, adestrado por Viktor Maslov, técnico que dirixiu o club durante varias etapas en catro décadas diferentes, acadou por primeira vez na súa historia a final da Copa da Unión Soviética, onde caeu derrotado ante o Spartak Moscova. Dous anos despois chegou de novo á final, desta vez ante o Dinamo de Moscova, e venceu por 2-1, con goles de Nechaev e Ponomarev. Este último levantou como capitán o primeiro trofeo oficial da historia do club.
Agustín Gómez foi o capitán do equipo na segunda final de Copa conquistada polo Torpedo, en 1952, na que derrotou ao Spartak por 1-0. Durante os seguintes anos chegaron ao equipo destacados futbolistas como Valentin Ivanov, Eduard Streltsov, Leonid Ostrovskii, Slava Metreveli ou Gennadii Gusarov, todos eles internacionais antes ou despois coa selección soviética. O Torpedo proclamouse entón subcampión da liga soviética en 1957, por detrás do Dinamo Moscova e ao ano seguinte chegou a unha nova final da Copa da URSS, caendo ante o Spartak de Moscova.
En 1960 o equipo de Maslov conquistou unha nova Copa e tamén o seu primeiro título de liga, por diante do Dynamo de Kíiv, segundo. As posicións invertéronse na seguinte campaña de liga, co equipo ucraíno primeiro e o ruso segundo, e con Gusarov como máximo goleador do torneo. En 1964 o Torpedo e o Dinamo Tbilisi empataron a 46 puntos na primeira posición da liga, sendo necesario un partido de desempate para decidir o campión. Disputado nun campo neutral en Tashkent, adiantouse o Torpedo cun gol de Vladimir Shcherbakov, pero a vitoria acabou sendo para o club xeorxiano despois de que este empatase e forzase unha prórroga, na que o resultado final foi de 4-1. Voronin foi elixido mellor xogador do campionato.
En 1965 o Torpedo, liderado polos goles de Streltsov, gañou o seu segundo título de liga e na seguinte tempada converteuse no primeiro club soviético en disputar a Copa de Europa, caendo en primeira rolda contra o Inter de Milán de Helenio Herrera.
En 1968 conquistou unha nova Copa soviética ante o Pakhtakor Tashkent e gañou a quinta en 1972, ano no que colgou as botas o histórico Viktor Shustikov, o futbolista con máis partidos na historia do club. En 1976, con Ivanov no banco, o Torpedo fíxose co seu terceiro e último campionato de liga, cunha destacada defensa formada por Krulog, Zhupikov, Buturlakin e Prigoda. Ivanov armou un potente equipo na década de 1980 e comezos da de 1990, conseguindo dous terceiros postos na liga soviética e disputando cinco finais da Copa da URSS, das cales gañou a de 1986. En 1991 o Torpedo acadou os cuartos de final da Copa da UEFA, sendo eliminado na quenda de penaltis polo Brøndby dinamarqués.
Trala disolución da Unión Soviética, o equipo proclamouse en 1993 campión da primeira edición da Copa de Rusia, vencendo na quenda de penaltis da final ao CSKA. Foi o seu derradeiro título oficial.
En 1996, o propietario do club, a fábrica de automóbiles ZiL, vendeu a entidade, que se trasladou do antigo estadio Torpedo ao Luzhniki. Entre 1999 e 2002, con Vitalii Shevchenko no banco, o equipo volveu aos postos altos da clasificación, rematando a liga rusa entre os catro primeiros clasificados durante catro anos seguidos.
Con todo, o club pasou nos seguintes anos por problemas económicos e no 2006 descendeu por primeira vez na súa historia. Dúas tempadas despois caeu unha nova división. A principios de 2009 especulouse cunha fusión co Torpedo-RG, pero esta frustrouse e por un problema de inscrición acabou sendo descendido ao fútbol afeccionado. Posteriormente conseguiu dous ascensos consecutivos ata acadar en 2011 a Primeira División, segunda categoría do fútbol ruso.
En 2014 o Torpedo rematou terceiro, clasificándose así para a promoción de ascenso, onde conseguiu regresar á máxima categoría despois de derrotar ao Krylia Sovetov de Samara. Con todo, acabou descendendo de novo ao remate da tempada seguinte e caendo un total de dúas categorías por problemas económicos.
En 2017, o club foi adquirido polo multimillonario Roman Avdeev e cinco anos despois conseguiu regresar á Liga Premier.
Denominacións
AMO (1930–1932) - propiedade da fábrica automobilística Avtomobilnoe Moskovskoe Obshchestvo (AMO). ZIS (1933–1936) - despois de que a fábrica cambiase o seu nome por Zavod Imeni Stalina (ZIS). Torpedo Moscova (1936-xullo de 1996). Torpedo-Luzhniki (agosto de 1996 - 1998) - cando pasou a ser propiedade da corporación Luzhniki. Torpedo Moscova (1998-presente).
Palmarés
Primeira División da Unión Soviética (3): 1960, 1965, 1976 (outono). Copa da Unión Soviética (7): 1949, 1952, 1960, 1968, 1972, 1985/86, 1992/93. Liga Nacional de Fútbol de Rusia (1): 2021/22.
Xogadores
Máis partidos # NomePeríodoPartidos 1 Viktor Shustikov 1958–72 427 2 Sergei Prigoda 1976–88 325 3 Aleksandr Polukarov 1980–91 319 4 Vladimir Yurin 1970–80 304 5 Valentín Ivanov 1953–66 286 6 Sergei Petrenko 1974–85 276 7 Leonid Pakhomov 1967–76 261 8 Vasili Zhupikov 1977–85 255 9 Viktor Kruglov 1975–81, 1984–86 231 10 Vladimir Buturlakin 1970, 1972–80 226
Máximos goleadores # NomePeríodo Goles 1 Valentín Ivanov 1953–66 124 2 Eduard Streltsov 1954–58, 1965–70 100 3 Oleksandr Ponomarov 1945–50 83 4 Gennadi Gusarov 1957–62 67 5 Georgiy Zharkov 1939–40, 1945–51 63 6 Piotr Petrov 1938–40, 1945–49 54 7 Igor Semshov 1998–2005 54 8 Yuri Savichev 1985–90 47 9 Nikolai Vasilyev 1976–85 45 10 Oleg Sergeev 1958–66 43
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Páxina web oficial do club . A Farewell to Arms: Goodbye Torpedo Moscow .
Categoría:Equipos de fútbol de Moscova