Max Svensson Río, nado en Barcelona o 8 de novembro de 2001, é un futbolista español que xoga como dianteiro no Penafiel, da Segunda Liga de Portugal.
Traxectoria Naceu en Barcelona na época en que seu pai, Tomas, xogaba ao balonmán no FC Barcelona. Cando este fichou polo HSV Hamburg seis meses despois, a familia trasladouse a Hamburgo, e no 2005 regresaron a España, vivindo primeiro en Pamplona e logo en Valladolid, mentres Tomas militaba no San Antonio e no BM Valladolid respectivamente. Finalmente, en 2012 establecéronse en Barcelona.
Max formouse como futbolista nas canteiras do FC Barcelona, o CF Gavà e a UE Cornellà antes de entrar en 2018 na estrutura do Espanyol, onde comezou no equipo xuvenil da División de Honra. Na tempada 2020/21 ascendeu ao filial, o Espanyol B, da Segunda División B, categoría na que debutou na primeira xornada ante o Prat. Seis días despois marcou os seus primeiros dous goles no empate 2-2 diante do FC Andorra.
O 16 de decembro de 2020, debutou co primeiro equipo na Copa do Rei, da man do adestrador Vicente Moreno, substituíndo a Wu Lei nun triunfo por 0-1 sobre o Llagostera. Ao mes seguinte estreouse na Segunda División, ante o Rayo Vallecano no RCDE Stadium. Xogou un total de catro encontros co primeiro equipo esa tempada, participando do ascenso á Primeira División. Na seguinte tempada marcou 9 goles co filial na Segunda Federación e xogou dous partidos de Copa co primeiro equipo.
O 1 de setembro de 2022 anunciouse a súa cesión ao Deportivo da Coruña, da Primeira División RFEF. Debutou co equipo galego na primeira xornada da competición, ante o Talavera en Riazor, substituíndo a Quiles no último cuarto de hora de xogo. Non volveu ter minutos con Borja Jiménez no banco, pero a súa situación mudou coa chegada dun novo adestrador Óscar Cano, que o colocou de titular dende o seu primeiro partido. Finalmente acabou xogando 29 partidos, máis da metade deles como titular, e marcou 5 goles. Disputou a promoción de ascenso, marcando o único gol na vitoria da ida das semifinais contra o Castellón, pero o equipo coruñés caeu eliminado no partido de volta.
Para a tempada 2023/24 volveu saír cedido, desta vez ao Osasuna Promesas, tamén de Primeira Federación. No filial navarro foi titular indiscutible, disputando 34 encontros, 29 deles saíndo dende o inicio. O seu bo rendemento permitiulle debutar co primeiro equipo na Primeira División, na antepenúltima xornada de liga ante o Mallorca.
En 2024 fichou polo Casa Pia, no que militou durante unha campaña e media, disputando 30 partidos na Primeira Liga de Portugal, aínda que só 9 deles como titular. Na segunda metade da tempada 2025/26 pasou ao Ibiza, da Primeira Federación, onde recuperou minutos e protagonismo, sumando 19 partidos e 3 goles. En xullo de 2026 anunciouse o seu regreso a Portugal, para xogar no Penafiel, da Segunda Liga.
Vida persoal É fillo da da española Montse Río e do sueco Tomas Svensson, considerado como un dos mellores porteiros de balonmán da historia. Ademais é curmán da atleta sueca Maja Åskag.
Palmarés Espanyol Segunda División (1): 2020/21.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com .
Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 2001 Categoría:Futbolistas de Cataluña Categoría:Futbolistas de Suecia Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do RCD Espanyol B Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CA Osasuna B Categoría:Xogadores do CA Osasuna Categoría:Xogadores da UD Ibiza-Eivissa Categoría:Xogadores do FC Penafiel