Jönköping é un concello sueco (kommun) do condado de Jönköping. A súa capital é a cidade de Jönköping, que tamén é a capital do condado. No ano 2022 vivían no concello 144 070 habitantes.
A paisaxe do concello de Jönköping caracterízase polas pronunciadas fallas cara a parte sur do lago Vättern. Sobre os escarpes de falla, a paisaxe está formada por unha meseta de natureza variada. Máis da metade da superficie do concello está cuberta de bosque, aínda que a zona ten tamén unha cantidade relativamente grande de terreo agrícola en comparación co conxunto do país. Porén, a actividade económica do municipio está caracterizada principalmente polo seu status como capital do condado, o que fai que haxa un importante sector servizos dominado polo sector público.
A meirande parte do concello atópase en Tveta e Vista, dous dos folkland tradicionais de Småland.
Administración histórica A área do concello correspóndese coa das parroquias de Angerdshestra, Bankeryd, Barnarp, Bottnaryd, Gränna, Hakarp, Järsnäs, Järstorp, Lekeryd, Ljungarum, Mulseryd, Månsarp, Norra Unnaryd, Rogberga, Sandseryd, Skärstad, Svarttorp, Visingsö, Ödestugu, Öggestorp e Ölmstad. Nelas fundáronse concellos rurais co mesmo nome coa reforma municipal de 1862. Dentro da área tamén estaban as cidades de Jönköping e de Gränna que en 1863 formaron cadansúa cidade municipal.
No ano 1907 o köping de Huskvarna separouse do municipio rural de Hakarp para transformarse na cidade de Huskvarna en 1911. En 1910 o concello rural de Ljungarum incorporouse á cidade de Jönköping. No ano 1943 o municipio rural de Sandseryd foi remodelado no köping de Norrahammar. En 1951 o municipio rural de Järstorp dividiuse, pasando unha parte a Bankeryd e outra á cidade de Jönköping.
Coa reforma municipal de 1952 naceron os concellos grandes de Lekeryd (a partir dos anteriores municipios de Järsnäs, Lekeryd e Svarttorp), Norra Mo (de Angerdshestra, Bottnaryd e Mulseryd), Skärstad (de Skärstad e Ölmstad), Södra Mo (de Norra Hestra, Norra Unnaryd, Stengårdshult, Valdshult e Öreryd), e Tenhult (de Barnarp, Rogberga, Ödestugu e Öggestorp). Ao mesmo tempo o municipio rural de Gränna fusionouse coa cidade do mesmo nome. Porén, os concellos rurais de Bankeryd, Hakarp, Månsarp e Visingsö, ao igual que as cidades de Huskvarna e Jönköping, non se viron afectados.
No ano 1967 o concello rural de Hakarps uniuse á cidade de Huskvarna.
O concello de Jönköping fundouse coa reforma municipal de 1971 a partir das cidades de Jönköping, Huskvarna e Gränna, do köping de Norrahammar e dos concellos rurais de Bankeryd, Lekeryd, Månsarp, Norra Mo, Skärstad, Tenhult e Visingsö, así como dunha parte do concello de Södra Mo (a parroquia de Norra Unnaryd).
Dende a súa fundación o municipio pertence ao partido xudicial de Jönköping.
Xeografía O municipio está situado no noroeste do landskap de Småland, no extremo sur do lago Vättern. O concello de Jönköping limita ao noroeste cos de Mullsjö e Habo, ámbolos dous no condado de Jönköping. Ao nordés limita co concello de Ödeshög no condado de Östergötland, ao leste cos de Tranås, Aneby e Nässjö, e ao sur cos de Vaggeryd e Gislaved, todos en Jönköping. Ao oeste limita cos de Tranemo e Ulricehamn no condado de Västra Götaland.
Demografía
Notas
Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Jönköping