Manuel Santana Martínez, coñecido como Manolo Santana, nado en Madrid o 10 de maio de 1938 e finado en Marbella o 11 de decembro de 2021, foi un tenista español. Considerado un dos primeiros grandes tenistas españois da historia, xunto a Andrés Gimeno, foi unha das figuras deportivas máis célebres do seu país no século XX. Conquistou catro torneos de Grand Slam en categoría individual e un en dobres.
Traxectoria
Inicios Naceu nunha familia de poucos recursos de Madrid. Seu pai Braulio era electricista e sindicalista e coa chegada do franquismo foi encarcerado durante seis anos. Aos 10 anos, Manolo foi un día ao Club Velázquez de tenis a levarlle un bocadillo a seu irmán Braulio, que traballaba alí como recolledor de pelotas. Alí descubriu o tenis e pouco despois conseguiu que seu irmán o metese a traballar no club. Aos 12 anos faleceu seu pai, só un par de anos despois de saír do cárcere, e os problemas económicos da familia empeoraron. Manolo foi entón apadriñado e acollido polos adiñeirados irmáns Álvaro e Aurora Romero Girón, que coñecera no club de tenis, e que lle deron aloxamento e pagaron os seus estudos.
Continuou xogando ao tenis e en 1955 proclamouse campión de España júnior, título que revalidou ao ano seguinte. Entre 1956 e 1958 conquistou tres veces consecutivas a Copa Galea. En 1958 gañou o primeiro dos seus oito títulos de campión de España absoluto (os outros conseguiunos nos anos 1960, 1961, 1962, 1963, 1964, 1968 e 1969).
Éxito mundial En 1961 acadou a súa primeira final dun Grand Slam, no torneo de Roland Garros, despois de eliminar nas semifinais a Rod Laver. Na final conseguiu o seu primeiro gran título ao derrotar ao vixente campión, o italiano Nicola Pietrangeli en cinco sets. Repetiu final do mesmo torneo en 1964, contra o mesmo rival, e gañou a súa segunda coroa ao derrotalo en catro sets. Un ano antes proclamárase campión tamén en dobres, formando parella co australiano Roy Emerson.
En agosto de 1965 liderou o equipo español na inesperada vitoria sobre os Estados Unidos na Copa Davis, converténdose nun heroe nacional e disparando o nivel de popularidade do tenis en España. Unhas semanas despois conquistou o Aberto dos Estados Unidos, despois de eliminar nas semifinais ao estadounidense Arthur Ashe e derrotar na final ao surafricano Cliff Drysdale. Foi o primeiro europeo en gañar dito torneo en case dúas décadas, dende que o fixera o británico Fred Perry en 1936. En decembro xogou polo título da Copa Davis contra o equipo defensor, Australia, caendo por 4-1.
Ao ano seguinte proclamouse campión do torneo de Wimbledon, superando na final en tres sets ao estadounidense Dennis Ralston. Participou nos Xogos Olímpicos de 1968 en Cidade de México, onde o tenis entrou como deporte de exhibición, e logrou o primeiro posto en individuais e o segundo en dobres (xunto a Juan Gisbert).
A súa última gran vitoria foi no Trofeo Conde de Godó de Barcelona en 1970, onde gañou o título tanto en individual como en dobres. En individuais derrotou na final a Rod Laver, mentres que en dobres fixo parella con Lew Hoad e superou na final á dupla formada polo propio Laver e por Andrés Gimeno. A continuación retirouse, con 32 anos de idade.
Trala retirada Trala súa retirada como tenista continuou vencellado ao tenis como adestrador e promotor. Foi capitán da selección española de Copa Davis en dúas ocasións, a primeira delas entre 1980 e 1985 e a segunda entre 1995 e 1999. Dirixiu o Masters de Madrid dende a súa creación ata 2019, e en 1997 fundou en Marbella o club de tenis Manolo Santana Racquets Club.
Recoñecementos En setembro de 1965 foi condecorado coa Medalla de Ouro ao Mérito Deportivo do Concello da Coruña, xunto ao futbolista Luis Suárez. Foi incluído no Salón da Fama do Tenis Internacional en 1984. En 2020 recibiu o Premio Philippe Chatrier da ITF pola súa contribución ao tenis, tanto dentro como fóra das pistas.
Vida persoal Casou coa coruñesa María Fernanda González-Dopeso en 1963 e tivo con ela tres fillos: Manuel, Beatriz e Borja. Divorciáronse en 1980. Durante ese período tivo tamén unha filla fóra do matrimonio, Barbara Catherina. En 1983 casou coa xornalista Mila Ximénez, coa que tivo a súa quinta e última filla, Alba. O matrimonio acabou de xeito problemático en 1986. En 1990 casou coa modelo sueca Otti Glanzielus, da que se divorciou en 2008. En 2013, aos 75 anos, casou por cuarta vez, coa colombiana Claudia Inés Rodríguez.
Faleceu en Marbella, onde vivía, o 11 de decembro de 2021, aos 83 anos de idade.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Datos do tenista no Salón da Fama do Tenis Internacional . Datos do tenista na Asociación de Tenistas Profesionais . Datos do tenista na Federación Internacional de Tenis . Datos do tenista na Copa Davis . Sitio web do Manolo Santana Racquets Club .
Categoría:Nados en Madrid Categoría:Nados en 1938 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Tenistas de España Categoría:Campións do Roland Garros Categoría:Campións do US Open Categoría:Campións do Campionato de Wimbledon Categoría:Tenistas olímpicos de España Categoría:Tenistas nos Xogos Olímpicos de 1968