O Centro Asociado da UNED en Pontevedra (UNED Pontevedra) é un centro docente universitario da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) situado na cidade de Pontevedra. Forma parte do Campus Noroeste da UNED e é o seu centro máis importante.
É a primeira sede da UNED en Galicia, orixinalmente chamada Centro Rexional da UNED en Galicia.
Localización O Centro Asociado da UNED en Pontevedra está situado na rúa Portugal 1, no barrio de Monte Porreiro de Pontevedra.
Historia As xestións para a creación do centro da UNED en Pontevedra iniciáronse en 1972 grazas á vontade da Deputación de Pontevedra, o Concello de Pontevedra e a Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra. Foi o primeiro centro asociado da UNED en Galicia e o segundo en España. No momento da súa inauguración, era o único centro rexional da UNED en Galicia, Asturias e León, rexións ás que estendeu o seu ámbito territorial.
O centro universitario foi creado por orde ministerial o 12 de xaneiro de 1973 e abriu as súas portas na Residencia de Estudantes Virxe Peregrina (actual Residencia de Estudantes Abanca), que lle prestou varios despachos e aulas. A inauguración tivo lugar o 12 de marzo de 1973, coa presenza do Reitor da Universidade de Santiago de Compostela e do Gobernador Civil de Pontevedra.
O seu primeiro ano comezou coa impartición de dúas carreiras universitarias, Dereito e Filosofía e Letras. O centro universitario contaba entón con 350 alumnos. O seu primeiro director, de 1973 a 1975, foi José Antonio Souto Paz, catedrático de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela. En 1974, implantáronse sete carreiras máis. Durante o curso 1974-1975, a sede da UNED trasladouse temporalmente a dúas plantas do edificio central da Caixa Provincial de Aforros de Pontevedra, no barrio de Campolongo, e matriculáronse 1.188 alumnos.
O 23 de outubro de 1987, a UNED trasladouse á súa sede definitiva na cidade, un novo edificio de 7.000 metros cadrados no barrio de Monte Porreiro, nun terreo de máis de 20.000 metros cadrados rodeado de xardíns con árbores singulares. Nese curso académico superáronse os 3.000 alumnos e no curso 1992-1993 superáronse os 4.000 alumnos.
O 7 de decembro de 1994, o Centro Rexional da UNED en Pontevedra integrouse na rede básica de Centros Asociados da UNED (isto significa que no Centro Asociado impártense e pódense cursar todos os estudos que ofrece a UNED a nivel nacional). A partir de 2007 creáronse varias aulas universitarias na provincia de Pontevedra, dependentes da sede central da UNED de Pontevedra. En 2007 creouse a aula de Lalín, en 2010 a de Tui, en 2012 a de Vigo, en 2017 a de Portas e en 2022 a do Porriño.
En setembro de 2020, o Centro Asociado da UNED en Pontevedra converteuse na sede do Campus Noroeste da UNED, que coordina os 14 Centros Asociados da UNED en Galicia, Asturias,Castela e León e Estremadura (Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo, Xixón, Ávila, Burgos, Palencia, Ponferrada, Segovia, Soria, Zamora, Mérida e Plasencia).
Descrición Con 4.500 alumnos, o centro da UNED de Pontevedra é o centro asociado con máis estudantes de Galicia. Ofrece 30 carreiras universitarias, 13 idiomas no CUID e o curso de acceso á universidade para maiores de 25 anos. As carreiras máis demandadas son Psicoloxía e Dereito.
As carreiras universitarias que se poden cursar no centro universitario de Pontevedra son as seguintes : administración de empresas, antropoloxía social, ciencias ambientais, ciencias xurídicas das administracións públicas, educación infantil, física, matemáticas, ciencias políticas e da administración, criminoloxía, química, dereito, economía, educación social, estudos ingleses (lingua, literatura, cultura), literatura e lingua española, filosofía, xeografía e historia, historia da arte, enxeñaría informática, enxeñaría en tecnoloxías da Información, enxeñaría mecánica, enxeñaría en electrónica industrial e automática, enxeñaría eléctrica, enxeñaría en tecnoloxías industriais, enxeñaría da enerxía, pedagoxía, psicoloxía, socioloxía, turismo e traballo social. O centro imparte tamén o 80% de cursos de extensión universitaria da UNED de toda España. O centro UNED de Pontevedra oferta ademais cursos de verán desde 1989 sen interrupción.
O Centro Asociado da UNED en Pontevedra é o maior centro español do Campus Noroeste da UNED. O edificio conta con tres plantas e un patio interior, 4 locutorios, unha aula de informática, unha biblioteca, 30 aulas, laboratorios (de física, química, bioloxía, psicoloxía, enxeñería, matemáticas, informática), unha sala de reunións, unha librería, unha cafetería e un anfiteatro de 600 metros cadrados inaugurado en marzo de 2016.
Un gran mural de máis de 12 metros de lonxitude do artista Manuel Moldes, pintado en 1987, decora un lado do vestíbulo da primeira planta do edificio da UNED.
A Xunta Reitora do Centro Universitario de Pontevedra está composta polos seguintes organismos: A UNED, a Deputación Provincial de Pontevedra, o Concello de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a empresa ENCE.
Galería
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos Universidade Nacional de Educación a Distancia Monte Porreiro Campus de Pontevedra
Ligazóns externas UNED Pontevedra 45 años de historia 1972-2013 40 AÑOS UNED-De centros regionales a centros asociados p.28
Categoría:Universidade Nacional de Educación a Distancia Categoría:Ensino en España Categoría:Institucións de ensino de Pontevedra Categoría:Universidades de Galicia