Sibila de Armenia (morta en 1290) foi princesa de Antioquía e condesa de Trípoli de 1254 a 1275, por matrimonio con Bohemundo VI. Despois foi rexente do condado de Trípoli ata que o seu fillo, Bohemundo VII, chegou a maioría de idade en 1277. Estaba estreitamente aliada co bispo de Tortosa, Bartolomé Mansel, o que frustrou o plan de instalala como gobernante de Trípoli en lugar da súa filla Lucía despois da morte de Bohemundo VII en 1287. Durante a súa vida, tanto o principado como o condado foron perdidos polos mamelucos exipcios.

Traxectoria

Vida temperá Sibila era filla da raíña Isabel e do rei Hetum I de Armenia. En 1254, por proposta do rei cruzado Lois IX de Francia, Sibila casou con Bohemundo VI, príncipe de Antioquía e conde de Trípoli. Os seus fillos foron Bohemundo VII, Lucía e María. Durante a súa vida, tanto o principado, no 1268, como o condado perdéronse fronte os mamelucos exipcios.

Rexente de Trípoli O marido de Sibila, Bohemundo VI, morreu en 1275, e o seu fillo, Bohemundo VII, herdou o condado de Trípoli. Dado que Bohemundo VII era entón menor de idade, Sibila asumiu o goberno no seu nome como rexente. Foi desafiada polo rei Hugo III de Chipre, quen reclamou a rexencia como o adulto máis próximo na liña de sucesión. Pero o costume familiar e a opinión popular estaban do lado da princesa. Enviou ao seu fillo á corte do seu irmán, o rei León III de Armenia, e nomeou como o seu conselleiro ao bispo de Tortosa, Bartolomeu Mansel e, Hugo, quedou sen apoios.

O marido de Sibila, Bohemundo VI, e a sogra romana, Lucía de Segni, instalaran romanos en importantes postos de goberno, provocando o descontento da nobreza local. A nobreza apoiaba así a Sibila e Bartolomeu cando trataron cos romanos mediante execucións e desterros. Non conseguiron quitar a Paulo de Segni, que era tío de Bohemundo VI e bispo de Trípoli, debido á súa amizade cos cabaleiros templarios. Os templarios foron así hostís a Bohemundo VII cando regresou de Armenia para asumir o goberno en 1277.

Demandante de Trípoli Bohemundo VII morreu sen fillos o 19 de outubro de 1287. Seguía na liña de sucesión a súa irmá, a filla de Sibila, Lucía, que vivía en Apulia co seu marido, Narjot de Toucy, antigo almirante de Carlos I de Anjou. Os anxevinos entrometéranse nos asuntos dos estados cruzados, tentando facerse co reino de Xerusalén de Hugo III de Chipre e, pouco tempo antes, foran expulsados ​​polo fillo de Hugo III, Henrique II. Nin a nobreza nin os cidadáns de Trípoli apoiaron a Lucía, quen apenas era coñecida por eles e que se percibía asociada aos anxevinos e, no seu lugar, ofreceron o condado a Sibila. Cando esta, escribiu ao bispo de Trípoli para pedirlle que fose o seu conselleiro, a carta foi interceptada e a nobreza comunicoulle a Sibila que non sería aceptada. Dado que ámbalas dúas partes se negaban a ceder, a nobreza e mailos comerciantes proclamaron entón unha comuna para gobernar Trípoli en lugar dos condes.

Daquela, Sibila retirouse á corte do seu irmán en Armenia mentres súa filla chegaba en 1288 e negociou a aceptación dos seus dereitos condais, mais os mamelucos conquistaron Trípoli ao ano seguinte. Sibila morreu en Armenia en 1290.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Finados en 1290 Categoría:Nados en 1240 Categoría:Príncipes de Antioquía Categoría:Historia de Turquía Categoría:Condes de Trípoli