Anna Olégivna Muzychuk (en , en ), nada o 28 de febreiro de 1990 en Lviv, é unha gran mestra de xadrez ucraína, tripla campioa do mundo.
De 2004 a 2014 xogou para Eslovenia. É a cuarta muller, despois de Judit Polgár, Humpy Koneru e Hou Yifan, en superar a puntuación Elo de 2600. En xullo de 2012 chegou a alcanzar unha cualificación de 2606. Muzychuk gañou o Campionato Mundial Feminino de Xadrez Rápido en 2016 e o Campionato Mundial Feminino de Xadrez Lóstrego en dúas ocasións (2014 e 2016).
É activista pola igualdade da muller no deporte. En decembro de 2017 negouse a participar no Campionato do Mundo de Xadrez Rápido e Lóstrego en Riad (Arabia Saudita) porque non quería estar «onde as mulleres fosen tratadas como cidadás de segunda».
Traxectoria Os pais de Muzychuk, adestradores profesionais de xadrez, ensináronlle a xogar á idade de dous anos. Xogou o seu primeiro torneo con cinco e ese mesmo ano quedou en segundo lugar no campionato de nenas menores de 10 anos do oblast de Lviv.
Entre 1997 e 2005 gañou varias medallas nos campionatos Xuvenís de Ucraína, Europa e o mundo. Gañou o ouro no europeo de nenas Sub-10 en 1998 e 2000, o ucraíno de nenas Sub-10 en 2000, os xuvenís ucraínos e europeos Sub-12 en 2002, o europeo de nenas Sub-14 en 2003 e 2004 e o mundial de nenas Sub-16 en 2005.
Obtivo a prata no europeo de nenas Sub-10 en 1997 e 1999, o europeo de nenas Sub-12 en 2001, o mundial de nenas Sub-12 en 2002 e o Mundial de nenas Sub-14 en 2004. Levou o bronce no Mundial de nenas Sub-10 en 2000.
Recibiu os títulos de Mestre Internacional FIDE en 2001 e Mestra Internacional Feminina en 2002.
En 2003 Muzychuk gañou o Campionato Feminino Ucraíno e o ano seguinte venceu no campionato ucraíno Sub-20.
En 2004 a federación de xadrez de Eslovenia ofreceulle un contrato e apoiárona durante o seguintes dez anos. Xogou para o club de Ljubljana e para a selección nacional da Olimpíada de Eslovenia, primeiro en xuvenís e logo en torneos para adultos. Durante eses anos converteuse na xogadora de xadrez máis forte de Eslovenia e a terceira mellor xogadora do mundo.
En 2007 gañou o campionato europeo feminino de xadrez lóstrego e terminou en segundo lugar no campionato europeo feminino de xadrez rápido, ambos celebrados en Predeal (Romanía).
Muzychuk recibiu os títulos de Mestra Internacional Feminina en 2007 e Gran Mestra Feminina en 2012.
En 2010 xogou no Torneo de xadrez Tata Steel dentro do Grupo B. Terminou en décimo lugar cunha puntuación de 5½ / 13 e unha cualificación de 2583. Ese mesmo ano gañou o Mundial Xuvenil Feminino Sub-20 en Chotowa, Polonia.
Gañou a medalla de bronce no Campionato Feminino de Xadrez Individual Europeo de 2012. O mesmo ano participou na ACP Golden Classic en Ámsterdam xunto con Vassili Ivanchuk, Gata Kamski, Emil Sutovsky, Lê Quang Liêm, Krishnan Sasikiran e Baadur Jobava. Era un torneo round-robin, cun ritmo de xogo de dúas horas e media para corenta movementos ampliábel con aprazamento. Terminou en cuarto lugar, cunha puntuación de 3/6 e unha cualificación de 2721.
Muzychuk terminou cuarta no torneo Tata Steel Challengers de xaneiro de 2014, en que anotou 8/13 (+ 4 = 8-1). En abril gañou o Mundial Feminino de xadrez lóstrego. En maio regresou á federación de xadrez ucraína. En novembro gañou o campionato feminino de Ucraína de 2014 en Lviv.
En xaneiro de 2016 gañou o primeiro premio feminino no torneo Masters do Tradewise Gibraltar Chess Festival.
En decembro gañou o Mundial Feminino Rapid en Doha (Qatar). Dous días despois defendeu o seu título do Mundial Feminino Blitz.
En outubro de 2017 gañou o Campionato Europeo de Mulleres ACP Rapid en Montecarlo. En novembro negouse a ir ao Mundial que se celebraba en Arabia Saudita polo trato denigrante que reciben as mulleres neste país. Renunciou así a poder revalidar a súa dobre coroa por manter os seus principios.
En 2018 empezou a xogar na liga española de xadrez, no Club Solvay de Torrelavega (Cantabria).
Competicións por equipos Muzychuk xogou na táboa superior para Eslovenia nas Olimpíadas de Xadrez Feminino de 2004, 2006, 2008, 2010 e 2012. En 2004 derrotou, entre outros, a daquela campioa mundial feminina, Antoaneta Stefanova. En 2006 o equipo esloveno, cabeza de serie número 17, finalizou en décimo lugar.
Na Olimpíada do Xadrez Feminino de 2014 Muzychuk xogou na táboa superior do equipo ucraíno, que obtivo o terceiro lugar detrás de Rusia e a China. No Campionato Feminino Europeo de Xadrez por Equipos de 2015 contribuíu na consecución da medalla de prata para Ucraína. Na Olimpíada de Xadrez Feminina de 2016 o equipo de Ucraína gañou a medalla de prata e Muzychuk tamén gañou a medalla de ouro individual.
Activismo pola igualdade O 11 de novembro de 2017 Muzychuk declarou a través da súa páxina oficial de Facebook a súa intención de non participar na defensa dos seus dous títulos en Arabia Saudita. Alegou como motivos o trato que reciben as mulleres nese país. O 23 de decembro reafirmou a súa posición mencionando que «non desexa xogar baixo as regras de ninguén, non vestir a abaya, tampouco ser escoltada por ninguén cando tivese que saír e non sentirse unha criatura secundaria».
Dixo que non quería estar «onde as mulleres fosen tratadas como cidadás de segunda». «Aínda que a case ninguén lle importase a miña decisión», sinalou que a reivindicación da igualdade no deporte é a mellor vitoria que se pode ter. «Fíxeno, xunto á miña irmá tamén xogadora, para manter os meus principios e non sentirme como unha criatura de segunda categoría».
Vida persoal A súa irmá máis nova, Mariya, foi a Campioa Mundial Feminina de Xadrez de 2015.
Fala sete idiomas: ucraíno, inglés, alemán, croata, ruso, esloveno e español.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Partidas de xadrez de Anna Muzychuk en 365Chess.com
Categoría:Nados en Lviv Categoría:Feministas de Ucraína Categoría:Xadrecistas de Ucraína Categoría:Nados en 1990