Un medio maratón é unha proba deportiva incluída dentro do atletismo. Consiste nunha carreira pedestre cun percorrido de 21 097,5 metros, é dicir, a metade dun maratón.

Historia da proba Se ben a historia da proba de maratón é fácil de trazar, hai discusión respecto a que proba debe ser considerada coma a primeira de medio maratón da historia. Segundo a Asociación de Estatísticos de Atletismo en Ruta (ARRS), a marca oficial máis antiga na distancia corresponde a unha carreira individual realizada polo británico Brian Hill-Cottingham o 9 de abril de 1960, nun tempo de 1:07:01.

Mellores tempos

A Asociación Internacional de Federacións de Atletismo recoñece oficialmente os récord mundiais na proba de medio maratón. A mellor marca na clasificación feminina é de 1:04:02, acadada por Ruth Chepng'etich de Kenya en 2021, en Istanbul. Na masculina, o mellor rexistro é de 57:31, de Jacob Kiplimo de Uganda en 2021 en Lisboa.

A nivel global, os participantes en probas de medio maratón cronometradas de todo o mundo en 2018 fixeron un tempo medio de 2 h 15 min (probas femininas) e 1 h 48 min (masculinas).

Participación a nivel global

Segundo algunhas fontes, o medio maratón con maior participación xamais celebrado foi o Broloppet ("a carreira da ponte"), entre Copenhague e Malmö, con 79 719 chegados á meta, que tivo lugar con motivo da inauguración da ponte Øresund no ano 2000. Porén, o Libro Guinness certifica como o medio maratón máis numeroso da historia a edición de 2014 de The Great North Run (Reino Unido).

En 2018, hai constancia de que 2,1 millóns de persoas completaron un medio maratón nalgunha parte do mundo..

En 2017, a estadounidense Harriette Thompson converteuse na muller de maior idade en completar un medio maratón en San Diego, cun tempo de 3 h 43 min, aos seus 94 anos. Como parte da fazaña, recadou 15 000 dólares para a investigación da leucemia.

Referencias

Véxase tamén Outros artigos Maratón (atletismo) Medio Ironman Ligazóns externas Listaxe da IAAF de récords en medio maratón

__NOTOC__

Categoría:Atletismo