Maria Firmina dos Reis, nada en São Luís (Maranhão) o 11 de marzo de 1822 e finada en Guimarães (Maranhão) o 11 de novembro de 1917, foi unha escritora brasileira. É considerada a primeira novelista negra do Brasil. En 1859 publicou o libro Úrsula, considerada a primeira novela abolicionista da literatura brasileira. A novela conta a historia dun triángulo amoroso en que os personaxes son negros que cuestionan o sistema escravista.
Traxectoria
Mocidade e familia Maria Firmina dos Reis naceu na illa de Upaon-Açu, no estado de Maranhão, o 11 de marzo de 1822. Porén, foi bautizada o 21 de decembro de 1825, por mor dunha doenza que a afectou nos primeiros anos da súa vida. Segundo consta, Maria Firmina foi bautizada na parroquia de Nossa Senhora da Vitória, en São Luís do Maranhão. Foron os seus padriños o capitán de milicias João Nogueira de Souza e Nossa Senhora dos Remédios, mais non figuraba a súa paternidade nin a data de nacemento. En 1830 trasladouse coa familia á aldea de São José de Guimarães, no continente. Viviu un tempo na casa dunha tía materna de mellor posición económica.
O 25 de xuño de 1847, co fin de inscribirse na oposición para mestra de primeiras letras na aldea de São José de Guimarães, Maria Firmina solicitou unha copia da partida de bautismo, pois daquela era requisito ter unha idade mínima de 25 anos. Desta vez constaba a data de nacemento e o nome da súa nai, Leonor Felipa, mulata libre. Esta fora escrava do comandante Caetano José Teixeira, finado en 1819, comerciante e terratenente de São José de Guimarães. Teixeira era propietario dunha importante sociedade mercantil ao final da época colonial e no comezo do Imperio.
Ningunha das dúas partidas de bautismo fan referencia ao nome do pai de Maria Firmina. Só consta na acta da súa defunción, o 17 de novembro de 1917, co nome de João Pedro Esteves. Era socio do antigo dono da nai de María Firmina, a escrava Leonor Felipa, na súa empresa comercial.
Segundo algunhas fontes, sería curmá do escritor marañense Francisco Sotero dos Reis por parte da nai. Porén, descoñécese en que grao.
En 1847 aprobou a oposición para mestra na localidade e exerceu até 1881. Nunca casou.
Carreira literaria En 1859 publicou Úrsula, considerada a primeira novela dunha muller brasileira. En 1887 publicou na Revista Maranhense o conto "A Escrava", que describe unha participante activo na causa abolicionista.
Con 54 anos e 34 como mestra oficial, anos antes de xubilarse, Maria Firmina fundou en Maçaricó, a poucos quilómetros de Guimarães, unha aula mixta e gratuíta para estudantes que non podían pagar. Impartía clase nun pendello propiedade do dono dunha plantación, onde ía todas as mañás nun carro de bois. Alí ensinou ás fillas deste, aos estudantes que levaba consigo e a outros que se uniron. A académica Norma Telles clasificou a iniciativa de María Firmina como «un experimento atrevido para a época». Esta acción innovadora está en consonancia coa loita do feminismo brasileiro de finais do século XIX, que reivindicaba unha educación igualitaria para as nenas.
Maria Firmina dos Reis participou na vida intelectual de Maranhão: colaborou na prensa local, publicou libros, participou en antoloxías e foi tamén música e compositora. A autora era abolicionista: cando foi admitida como mestra, aos 22 anos, a súa nai quería que fose en palanquín recibir o nomeamento. Porén, a autora díxolle que «unha persoa negra non é un animal para montar nela», e decidiu ir a pé. Mesmo escribiu o «Hino da Abolição dos Escravos».
Describiuse a si mesma en 1863 como unha muller de «complexión débil e tímida», e por iso «non podía evitar ser unha criatura fráxil, tímida e, en consecuencia, melancólica». Quen a coñeceron, cando tiña uns 85 anos, describíana como pequena, castaña, de face redondeada, ollos escuros e cabelo crecho e gris recollido na caluga. Unha antiga alumna caracterizouna como unha profesora enérxica que falaba suavemente, non aplicaba castigos corporais nin rifaba, pois prefería aconsellar. Era reservada mais accesíbel, e apreciada polos estudantes e a poboación da vila. Todas as manifestacións da veciñanza de Guimarães paraban na súa porta. Ela agradecía cun discurso improvisado as ovacións recibidas.
Morreu cega e pobre aos 95 anos na casa dunha antiga escrava, Mariazinha, nai dun dos seus fillos de acollida.
Homenaxes Maria Firmina dos Reis foi homenaxeada nun doodle de Google o 11 de outubro de 2019, na celebración do seu 194 aniversario. É a única muller dos bustos da Praça do Pantheon que honran a importantes escritores de Maranhão, en São Luís.
Obra A escritora brasileira Conceição Evaristo presenta a «escrevivencia», concepto creado por ela, como a escritura dun corpo, dunha condición e dunha experiencia negra no Brasil. O primeiro elemento, o corpo, fai referencia á dimensión subxectiva do feito de ser negra. Constitúe un arquivo de impresións ao longo da vida, marcadas na pel e nunha loita constante pola afirmación e a reversión dos estereotipos. A condición das mulleres negras, o segundo elemento, amosa problemas herdados da época colonial, xa que as mulleres foron sometidas en distintos ámbitos a través da escravitude.
A «escrevivencia» de María Firmina dos Reis, escritora negra, tamén se percibe na representación dos seus personaxes negros, xa que a historia da literatura inflúe directamente na identidade nacional e, xa que logo, na construción da imaxe dos xéneros, medio empregado para consolidar o poder masculino.
Maria Firmina presenta a cuestión negra na súa dimensión humana e convértea no suxeito do discurso, o que pode revelar unha íntima identificación coa persoa negra escravizada. Presenta así unha solidariedade que, segundo Eduardo de Assis Duarte, «nace desde outra perspectiva, a través da cal a escritora, irmá dos cativos e da súa descendencia, expresa a través da ficción a súa pertenza a este universo da cultura».
Velaquí unha selección das obras de Maria Firmina dos Reis obtida do libro Escritoras brasileiras do século XIX: Antologia.
Úrsula. Novela, 1859 Gupeva. Novela, 1861/1862 (O jardim dos Maranhenses) e 1863 (Porto Livre e Eco da Juventude) Poemas en: Parnaso maranhense, 1861 A escrava. Conto, 1887 (A Revista Maranhense n° 3) Cantos à beira-mar. Poesías, 1871 Hino da libertação dos escravos. 1888 Poemas en: A Imprensa, Publicador Maranhense; A Verdadeira Marmota; Almanaque de Lembranças Brasileiras; Eco da Juventude; Semanário Maranhense; O Jardim dos Maranhenses; Porto Livre; O Domingo; O País; A Revista Maranhense; Diário do Maranhão; Pacotilha; Federalista Composicións musicais: Auto de bumba-meu-boi (letra e música); Valsa (letra de António Gonçalves Dias e música de Maria Firmina dos Reis); Hino à Mocidade (letra e música); Hino à liberdade dos escravos (letra e música); Rosinha, valsa (letra e música); Pastor estrela do oriente (letra e música); Canto de recordação (“à Praia de Cumã”; letra e música).
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Úrsula , dispoñíbel na Biblioteca Pública Benedito Leite de São Luís Úrsula, dispoñíbel en varios formatos dixitais Úrsula , edición de 2017 por Cadernos do Mundo Inteiro Poemas de Maria Firmina dos Reis Jornal de Poesia
Categoría:Nados en 1825 Categoría:Finados en 1917 Categoría:Escritores en lingua portuguesa Categoría:Abolicionistas do Brasil Categoría:Nados no estado do Maranhão