O Hospital Montecelo é un centro hospitalario público da cidade de Pontevedra. Está situado na parroquia de Mourente, e foi inaugurado en 1973. É un hospital xeral, ofrece todos ou case todas as especialidades médicas e cirúrxicas. Forma parte do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Historia e descrición O edificio principal construíuse en 1972 e inaugurouse o 25 de novembro de 1973 cunha superficie de 20.000 metros cadrados. Abriu ao público como Residencia Sanitaria da Seguridade Social de Montecelo. O seu mentor foi o pontevedrés Gonzalo Cabanillas Gallas, que era subdelegado xeral do Instituto Nacional de Previsión.
O hospital inaugurouno de forma oficial o entón ministro de Traballo e Previsión Social, Licinio de la Fuente, o 8 de maio de 1974. Traballaban nel 200 médicos e acolleu algúns que viñan de hospitais universitarios como La Paz de Madrid ou La Fe de Valencia. Implantáronse especialidades que ata entón non existían no Hospital Provincial de Pontevedra, como fisioloxía clínica ou rehabilitación, e permitiu a disgregación de medicina interna das especialidades de dixestivo, cardioloxía ou radioloxía.
Foi reformado e ampliado polos arquitectos Julián Arranz Ayuso, Aurelio Botella Clarella, Joaquín Vaamonde Pradas e Antonio Alonso Taboada entre 1987 e 1990. miniatura|300px|Vista da cidade, da Ría de Pontevedra e da Illa de Tambo desde a 4ª planta do hospital.
O Hospital Montecelo tivo a súa maior ampliación entre 1997 e 2001, realizada polo estudio de arquitectos Aidhos Arquitectura, na que se construíu un novo edificio anexo e se engadiron dúas plantas ao edificio principal inaugurado en 1973.
Desde 2012, cando o complexo hospitalario pontevedrés se converteu no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, os estudantes de Medicina da Facultade de Santiago de Compostela poden realizar os últimos anos da aprendizaxe clínica da carreira no hospital.
O edificio principal ten 8 plantas.
Transporte O Hospital Montecelo está servido pola liña 2 (azul) do servizo de transporte de bus urbano da cidade.
Novo hospital Gran Montecelo A Xunta de Galicia puxo en marcha en 2020 a construción dun novo hospital para a cidade de Pontevedra e a súa área sanitaria de 300.000 habitantes con máis especialidades que o actual Hospital Montecelo, incluíndo radioterapia, medicina nuclear e coidados intensivos neonatais e pediátricos, e cunha capacidade de 724 camas. O novo hospital de referencia de 10 plantas que se engadirá aos edificios hospitalarios xa existentes chamarase Gran Montecelo.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra Hospital Provincial de Pontevedra Hospital Quirón Miguel Domínguez
Ligazóns externas Hospital Montecelo Sergas
Categoría:Hospitais de Pontevedra Categoría:SERGAS