Conde, ou condesa en feminino, do latín comes ou comitis (compañeiro), é un título nobiliario existente na maioría das monarquías europeas. Na Idade Media, era o señor feudal, propietario dun ou varios castelos e terras denominados condados, pero posteriormente, a partir do século XIV, o título nobiliario só se utilizaba como grao de nobreza.
Orixe No Imperio Romano, comes converteuse nun título secular outorgado a cortesáns de confianza, como sinal de confianza imperial. Converteuse nun rango formal, derivado dos "compañeiros" de Alexandre Magno, e equivalente ao título de paladín para un cabaleiro do Sacro Imperio Romano Xermánico ou palatino para un funcionario papal.
Comes utilizábase na República Romana para designar aos que acompañaban a un maxistrado, como gobernador dunha provincia, formando parte da súa escolta e do seu consello, a súa cohors amicorum (cohorte de amigos). Na época imperial o termo evolucionou, utilizándose formalmente para designar aos achegados ao emperador, primeiro durante as súas viaxes e despois de forma permanente. Converteuse nun título cortesán e nunha dignidade, sendo a orixe do termo posterior: conde.
Condado
Co xurdimento do título xurdiu o símbolo máis poderoso do dereito, é dicir, a propiedade e a xurisdición sobre a terra, de aí o termo de condado. O termo deriva do francés antigo conté ou cunté que denota unha xurisdición baixo o control dun conde ou un vizconde. En francés moderno é comté, e os seus equivalentes noutras linguas son contea, contado, comtat, condado, county, Grafschaft, graafschap, etc.
O título de conde tamén era frecuentemente conferido polo monarca como título honorífico polos servizos prestados, sen que iso implicase a cesión dun patrimonio feudal, só un título, con ou sen un nome de dominio adscrito a el.
No Reino Unido, o equivalente a "Conde" (earl; count en inglés é utilizado a significar condes non británicos) tamén se pode usar como título de cortesía para o fillo máis vello dun duque ou marqués. Nos estados italianos, pola contra, todos os fillos de certos condes eran pequenos condes (contini).
Notas
Véxase tamén
Condes de Galicia
Duque Marqués Vizconde Barón
Categoría:Títulos nobiliarios