Nana Ioseliani (), nada en Tbilisi o 12 de febreiro de 1962, é unha xadrecista. A FIDE nomeouna Gran Mestra Feminina en 1980 e Mestra Internacional Feminina en 1993.

En 1978 dábase por feito que formaría parte do equipo feminino soviético na 23ª Olimpíada de Xadrez en Buenos Aires. Con todo, o Kremlin decidiu intervir, pois todos os membros do equipo eran de Xeorxia. Así, Ioseliani, a máis nova do equipo, foi substituída por unha xogadora de orixe rusa unha hora antes de o avión partir cara a capital arxentina. Ioseliani participou co equipo soviético nas 24ª e 25ª Olimpíadas en Valeta e Lucerna, respectivamente. Posteriormente uniuse ao equipo xeorxiano nas 30ª, 31ª e 32ª Olimpíadas en Manila, Moscova e Ereván. O seu equipo obtivo o ouro nas cinco ocasións. Tamén participou nas tres Olimpíadas seguintes en Elista 1998, Istanbul 2000 e Bled 2002. Nestas, Xeorxia obtivo as medallas de bronce e de prata e quedou en 4º lugar, respectivamente. A puntuación individual de Ioseliani foi de 65 puntos en 88 xogos (+49, =32, -7).

En 1979 e en 1980 foi a gañadora feminina do Campionato Europeo Xuvenil de Xadrez. Gañou o Torneo de Candidatas en dúas ocasións para xogar o Mundial Feminino de Xadrez. En 1988 xogou contra a entón campioa Maia Chiburdanidze e perdeu por 8½ a 9½ (+2, =11, -3). En 1993 perdeu ante Xie Jun por 2½ a 8½.

Gañou o Campionato Soviético Feminino de Xadrez en catro ocasións. Ioseliani tamén xogou con Xeorxia no Mundial de Xadrez por Equipos de 1997, no que logrou unha puntuación de 1½/7 no taboleiro 2.

Desde 2003 está inactiva como xadrecista e é empresaria en Praga.

Filmografía En 1978 actuou na curtametraxe de comedia Shesveneba. Nela interpretaba a unha xadrecista quen vencía a todos os seus compañeiros homes.

En 2021 apareceu no documental Glory to the Queen xunto con Nana Alexandria, Nona Gaprindashvili e Maia Chiburdanidze.

Notas

Categoría:Nados en 1962

Categoría:Xadrecistas da Unión Soviética Categoría:Xadrecistas de Xeorxia Categoría:Nados en Tbilisi