A Madonna de Kíiv é unha fotografía dunha muller aleitando a un bebé no Metro de Kíiv, onde se refuxiaran durante un bombardeo das Forzas Armadas da Federación Rusa en 2022 sobre a capital de Ucraína.

A foto foi tirada polo xornalista András Földes e fíxose popular en Internet, converténdose nun emblema da crise humanitaria e da inxustiza da guerra. A imaxe inspirou unha icona mostrada nunha igrexa católica de Mugnano di Napoli (Italia), sendo un símbolo da resistencia e a esperanza.

Historia Nos primeiros días da invasión rusa de Ucraína, moitos cidadáns acubilláronse nos pasos subterráneos do Metro de Kíiv durante os bombardeos rusos. Alí, Tetyana Blizniak de 27 anos dáballe o peito á súa filla Marichka de tres meses; a escena chamou a atención do xornalista húngaro András Földes quen decidiu retratala. A muller, canda a súa filla e o seu marido, buscara refuxio no metro o 25 de febreiro de 2022, e, aínda que debían ser evacuados o día 26, non puideron facelo debido aos combates.

A fotografía gañou moita notoriedade na rede e mesmo foi compartida pola páxina web do Vaticano o Día Internacional da Muller. A artista ucraína Marina Solomennykova, de Dnipro, atopou nela a inspiración para facer un cadro de María aleitando ao Neno. Nel, a capucha do suadoiro da nai é representado como o veo da virxe María, e detrás da súa cabeza, un plano do metro de Kíiv faille de auréola.

Por petición do sacerdote xesuíta Vyacheslav Okun, unha copia en tea da obra "Madonna desde o Metro" foi enviada a Italia onde serviría o cura. O día de Xoves Santo, o Arcebispo de Nápoles consagrou a pintura como un obxecto de adoración. A icona é conservada na Igrexa do Sagrado Corazón de Xesús, co título de "Madonna de Kíiv", en Mugnano di Napoli. A obra foi consagrada polo papa Francisco o 25 de marzo de 2022.

Tetyana Blizniak máis tarde tivo refuxio en Lviv.

Significación A imaxe deveu tanto unha ilustración da crise humanitaria e da inxustiza da guerra, e un símbolo da esperanza e resistencia silenciosa dos ucraínos. Se ben, a virxe María co seu fillo Xesús, foron perseguidos por Herodes, a María actual ampara ao seu fillo da violencia da guerra. Pola súa temática e interpretación, a Madonna de Kíiv garda paralelismos coa Virxe de Kíiv, unha icona ortodoxa do século XII que foi símbolo da identidade nacional ucraína e de resistencia durante a época soviética. Hoxe, a Virxe de Kíiv, é considerada un tesouro cultural e un símbolo de patrimonio e identidade ucraína.Alla Nedashkivska, Art and Culture of Ukraine: Contemporary Scholarship, (CIUS Press, 2012)Orest Subtelny, Ukraine: A History, (University of Toronto Press, 2009)

Notas

Categoría:Cultura de Ucraína Categoría:Fotografías